BNG presenta iniciativa para evitar a discriminación da Galiza nas autoestradas ferroviarias de mercadorías
Néstor Rego alerta que, se o Goberno español non rectificar, a decisión terá consecuencias moi negativas para a economía galega e a competitividade das empresas galegas.
“Galiza está incluída, após unha intervención do BNG diante do Parlamento Europeo e da Unión Europea, na rede básica de corredores europeos de transporte de mercadorías, polo que a exclusión que fai o Goberno de PSOE-Podemos é moi grave e carece de xustificación”, sinala.
O Bloque Nacionalista Galego reclama incluír a Galiza na proposta de autoestradas ferroviarias presentada polo Goberno do Estado no documento Mercancías 30 e rexistra iniciativas con carácter urxente no Congreso. O deputado do BNG, Néstor Rego, explica que, se o Goberno non rectificar, estaríamos diante dunha nova discriminación da Galiza en materia ferroviaria e con graves consecuencias para o tecido empresarial e a economía galega. Así mesmo, comprométese a seguir traballando para que o Goberno de PSOE e UP cumpra cos compromisos atendendo as necesidades de galegos e galegas.
O Goberno do Estado vén de presentar o documento “Mercancías 30” que recolle a proposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) para desenvolver o mapa de autoestradas ferroviarias. O Obxectivo da iniciativa é potenciar o transporte das mercadorías en contedores e remolques a través da rede ferroviaria interna do Estado, afondando na intermodalidade portos-estradas-camiños de ferro.
Mais, no documento feito público, o executivo estatal prioriza o eixo mediterráneo e a conexión con Portugal a través de Salamanca, ademais de concibir o mapa de liñas baixo unha visión centralista, posto que a maior parte do tráfico de mercadorías pasará por Madrid. Para o deputrado do BNG, esta decisión é moi grave e carece de xustificación. “Hai que lembrar que a Galiza está incluída, após unha intervención do BNG diante do Parlamento Europeo e da Unión Europea, na rede TEN-T e máis concretamente na rede básica de corredores europeos de transporte de mercadorías, a considerada de importancia estratéxica e que debe ser executada antes de 2030”.
Por iso, Rego alerta da posibilidade de estar ante unha nova fraude á cidadanía galega por parte do Goberno do Estado. Para o deputado nacionalista, é “contraditorio” a decisión de non incluír á Galiza no mapa de autoestradas ferroviarias de mercadorías “co feito de que nos orzamentos figurasen partidas por importe de 275 millóns de euros na Galiza para o desenvolvemento da rede TEN-T. Isto lévanos a pensar que nos plans do Goberno non se acha a execución destas partidas”.
Paralelamente, cabe lembrar que está en proceso de licitación a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña “que só ten sentido se se desenvolve o transporte ferroviario de mercadorías”. O propio documento considera a intermodalidade entre portos e ferrocarril como unha das chaves fundamentais. No caso galego, estamos a falar -mesmo coa rede ferroviaria nas condicións actuais “dunha cifra que se aproxima ás 700.000 toneladas ao ano de mercadorías que entran ou saen dos portos por ferrocarril e portos como o da Coruña están por diante do de Valencia ou Barcelona”.
“Non hai ningunha razón para esta exclusión. É unha nova discriminación coa Galiza; máis unha vez, o Goberno español esquécese do noso País nunha decisión que, se non se mudar, terá consecuencias moi negativas para a economía galega e a competitividade das empresas galegas” denuncia o deputado do BNG.
Unha situación que se pode ver agravada “polo feito de que o Goberno do Estado español está falando de implantar portaxes nas autovías, que afectaría ao transporte de mercadorías por estrada, ao mesmo tempo que se nega a posibilidade de que boa parte dese transporte se produza por ferrocarril”. Alén desta iniciativa, Rego comprométese a seguir traballando para evitar unha nova discriminación á Galiza e conseguir que as necesidades de Galiza estean presentes nas decisións do Goberno español.