congreso

BNG presenta emendas á Lei de protección de datos tratados na investigación e sanción de infraccións penais por limitar as liberdades públicas

Néstor Rego
Néstor Rego defende os dereitos fundamentais, como o de non discriminación, liberdade, manifestación e á intimidade e propia imaxe, que se ven gravemente afectados neste proxecto ao outorgar máis poderes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para reunir, tratar e almacenar datos sobre a cidadanía, sen control xudicial e sen respectar o dereito á presunción de inocencia das e dos investigados.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha batería de emendas ao articulado do Proxecto de Lei Orgánica de protección de datos persoais tratados para fins de prevención, detección, investigación e axuizamento de infraccións penais e de execución de sancións penais, que traspón as Directiva europea do mesmo nome. O obxectivo da organización nacionalista é protexer os dereitos fundamentais recoñecidos tanto na lexislación estatal como internacional e que agora se ven ameazados pola aprobación deste Proxecto de Lei.

En primeiro lugar, preténdese impedir o almacenamento de información que afecte á intimidade das persoas e que podan ser discriminatoria, por facer referencia á súa ideoloxía, relixión, raza, etnia, orientación sexual ou procedencia, debendo ademais evitar sempre que se reúnan para “previr” delitos, pois pode levar a identificacións baseadas en prexuízos das persoas, e no caso de investigación de persoas sospeitosas, só cando eses datos podan ser relevantes directamente segundo a infracción de que se trate. “A inclusión de datos sobre a situación cultural, social ou económica supón un estigma que abriría a porta a prexuízos e discriminacións baseados na capacidade adquisitiva, o ideario relixioso, a orixe cultural ou racial” sinala Rego. Neste sentido, tamén apunta que non se pode obrigar a revelar a pertenza ou non a un partido político, sindicato ou asociación “porque atenta directamente ao dereito fundamental á intimidade persoal”. Para coñecer esta información, segundo afirma a formación nacionalista, teríase que solicitar unha autorización xudicial que garanta que a necesidade de investigar un delito prevalece sobre o da intimidade e que autorice esa intromisión.

Neste mesmo sentido, o proxecto pretende estabelecer a obriga para todas as persoas tanto físicas como xurídicas de entregar a documentación e información que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado lle soliciten, sen necesidade de solicitar autorización xudicial e baixo ameza de sancións graves en caso de negarse. Como é lóxico, o BNG entende que durante unha investigación a Policía debe poder ter acceso a todos os documentos considerados públicos ou de libre difusión, mais aqueles que afectan a materias de especial protección ou á intimidade (datos de socios, clientes, investigacións realizadas nas empresas, datos económicos...), só poden seren entregados voluntariamente ou ben con autorización xudicial, mais non ante un mero requirimento dos investigadores. “Ademais a norma obriga a que unha vez entregada a documentación non se informe desta disposición ás persoas afectadas, o que vulneraría non só os seus dereitos a saber se os seus datos foron comunicados, senón o seu dereito á presunción de inocencia e a unha adecuada defensa procesual, por este motivo, o BNG solicitou a súa supresión do texto”, sinala Néstor Rego.

Por outra parte, presentáronse tamén emendas para axustar o tempo máximo de conservación dos documentos e información en poder das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e resto de órganos relacionados coa investigación de infraccións así como do axuizamento e execución das sancións. Esta emenda foi xa aceitada mediante transacción na fase de relatorio da norma, garantíndose que se deberá destruír á información en canto xa non poda ser útil para as investigacións que sigan en curso e nuns prazos máis breves que os dispostos inicialmente.

A Lei tamén regula a instalacións de cámaras fixas en vilas e cidades, e prevé expresamente que estas poderán instalarse sen necesidade de contar coa autorización, ou nin sequera, ter que informar ás autoridades locais e ás administracións con competencias no territorio. “É impensábel que se permita instalar unha cámara fixa na cidade de Santiago de Compostela, por exemplo, sen que o Concello teña coñecemento de onde se instala e dos motivos para facelo. A instalación de cámaras de vídeo vixilancia indiscriminadamente non respecta o principio de excepcionalidade e de proporcionalidade entre o dereito á intimidade das persoas e os bens xurídicos que se pretenden protexer” apunta o deputado do BNG, e por este motivo reclamamos a supresión desta previsión.

No relativo ao uso de dispositivos móbiles para gravar, a organización nacionalista sinala que o texto lexislativo proposto ten a intencionalidade clara de perseguir e investigar “preventivamente” eventos públicos, actos amparados na liberdade de expresión, opinión e protesta perfectamente lícitos, criminalizándoos. “As concentracións e as manifestacións non poden ser obxecto de control policial en ningún caso. As gravacións de actos públicos non se poden realizar con carácter preventivo” incide Rego. No referido ás gravacións tamén se pretende introducir a obriga para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado de que as gravacións obtidas deben ser destruídas nun prazo máximo de 72 horas desde o momento en que foron tomadas se non existe infracción penal ou administrativa apreciábel” aclara Rego.

Por último o proxecto de lei regula o dereito de acceso, información e cancelación sobre os datos que obran en poder das distintas autoridades públicas, esquecendo máis unha vez, o estabelecemento da obrigatoriedade de que toda a información que se subministre, os formularios de acceso, así como as comunicacións de todo tipo ao respecto deban estar dispoñíbeis e accesíbeis en todas as linguas oficiais do Estado. “Outras das emendas presentadas garante o dereito a acceder á información e a exercer os dereitos de cancelación e rectificación en galego, recollendo así de forma explícita o deber de respectar a realidade plurilingüe do Estado” subliña o deputado do BNG no Congreso.

En definitiva, o texto proposto polo Goberno supón un grave retroceso nos dereitos civís e liberdades públicas recoñecidas no Estado español, dando máis liberdade de actuación ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sen necesidade de control xudicial para reprimir e criminalizar preventivamente conductas que consideren perigosas. “O BNG non pode ficar calado ante esta grave ameza ás liberdades dos galegos e galegas e do conxunto da cidadanía, manterá as emendas presentadas e defenderá que se corrixa o texto tanto na Comisión de Interior como no Pleno do Congreso, mais de manterse o contido actual, non poderá apoialo” conclúe Néstor Rego.