O BNG presenta emendas para evitar a penalización fiscal das herdanzas en vida
O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no Congreso unha emenda para evitar que o Proxecto de Lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal, modifique a lei do IRPF e a do imposto de sucesións. Con esta reforma Ministerio de Facenda penaliza aos cidadáns e cidadás galegas ademais de invadir competencias autonómicas e vulnerar o Dereito Civil de Galiza.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, salientou que “o proxecto de lei invade as competencias da Galiza, polo que as reformas que afectan aos pactos sucesorios deben ser retiradas do texto”. En primeiro lugar, o Estado non pode regular indirectamente unha figura propia do dereito civil da Galiza, facendo que na práctica non sexa posíbel acudir á figura dos pactos sucesorios. E ademais, a regulación que pretenden supón un tratamento discriminatorio desde o punto de vista fiscal para aqueles herdeiros ou herdeiras que reciban bens en vida fronte a aqueles que o fan trala morte dun familiar. Rego explicou que “neste último caso, se a persoa que herda recibe os bens trala morte do familiar e a continuación procede a súa venda, só debería tributar pola plusvalía desde o momento da recepción dos bens e até a efectiva transmisión”, en cambio, se se trata dunha herdanza en vida, e se venden os bens antes da morte do causante, deberá tributar polo incremento patrimonial desde que o testador adquirira o ben. “Resulta a todas luces inxusto considerar que realizar un acto lexítimo segundo o Dereito Civil Galego e respectando as normas tributarias propias da Administración galega, sexa unha práctica de evasión fiscal” sinalou Rego.
O deputado nacionalista advertiu que de manterse o texto actual, vai supor un grave prexuízo para moitos e moitas galegas que se acolleron a esta modalidade hereditaria e que, desgraciadamente, ante a situación de crise económica que está por chegar, poden verse na necesidade de vender os bens recibidos para facer frpnte a gastos vitais como pagar facturas, comida, estudos, etc ou manter o seu negocio a frote. “Non sería xusto que Facenda se aproveitase desta circunstancia asumindo por riba unhas competencias que non lle corresponden” subliñou. En ningún caso pode considerarse que haxa unha intención de fraude que deba ser penalizada.
Néstor Rego tamén destacou que este non é o primeiro intento por parte da Facenda do Estado de intentar forzar a tributación dos pactos sucesorios como se de transmisións inter vivos se tratara. Neste sentido, distintas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza e do propio Tribunal Supremo, viñeron a dar a razón aos galegos e galegas. Consideran os tribunais, que os pactos sucesorios son, a pesar de producírense en vida do causante, actos mortis causa, e polo tanto non cabe que se pretenda a súa homologación coas doazóns ou outros actos xurídicos semellantes a estas. Son unha institución propia do Dereito Civil da Galiza que debe ser respectada e tratada como acto hereditario aos efectos tributarios, garantindo ademais a non interferencia nas competencias da Xunta de Galiza e do Parlamento Galego neste tema.