Congreso

BNG presenta emenda á totalidade dos orzamentos do Estado para reclamar máis investimentos que non discriminen a Galiza

Néstor Rego salientou que as partidas de investimento territorializado na Galiza son insuficientes para atender as necesidades presentes e compensar o déficit histórico en equipamentos e infraestruturas. Tamén reclamou maior impulso ás políticas sociais e unha nova fiscalidade realmente redistributiva, aumentando os impostos ás grandes fortunas.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, anunciou que a formación nacionalista presenta emenda á totalidade aos Orzamentos Xerais do Estado proxectados polo Goberno español para este ano 2021.

O BNG considera que os investimentos territorializados na Galiza, cifrados en 832 millóns de euros, son claramente insuficientes e discriminatorios co noso País. Rego salientou que en canto os Orzamentos do Estado soben 19,4 % e os capítulos VI e VII 138%, a previsión de investimentos no noso País cae 11%, máis de 100 millóns de euros por debaixo dos orzamentos de 2018, do Goberno do Partido Popular, xa de por si insatisfactorios en relación coas necesidades que temos.

A formación nacionalista ve necesario uns orzamentos que cumpran con Galiza e que compensen o déficit histórico que levamos padecendo durante moitos anos, especialmente, durante os últimos anos do Partido Popular. Rego afirmou que a fronte nacionalista non poderá apoiar os orzamentos se non son modificados á alza de forma significativa. “A nosa é unha posición de dignidade, de defensa dos intereses de todos os galegos e galegas. De ningunha forma podemos aceptar que se siga discriminando o noso país e a nosa xente” sinalou.

O deputado nacionalista denunciou o déficit histórico en infraestruturas ferroviarias que padece Galiza así como, o estado “deficitario” en que se encontran algunhas liñas e salientou que por iso o BNG priorizou as actuacións nos camiños de ferro no acordo de investidura asinado no mes de xaneiro. No entanto, os Orzamentos non preven partidas para mellorar estas infraestruturas interiores, fundamentais para estruturar o noso país cun modo de mobilidade eficaz e sustentábel.

Néstor Rego enfatizou que non se pode aceptar o argumento -empregando tanto por PP como por PSOE e Podemos en diferentes momentos- de que a caída orzamentaria está en relación coa finalización das obras do AVE porque, para alén de seren evidentes as necesidades nos camiños de ferro, nin sequera se prevé financiamento real da variante de Ourense, calculado en 636 M€, e necesaria para que esta liña poida ser considerada de alta velocidade.

Por outra banda, o deputado nacionalista insistiu na necesidade duns orzamentos realmente sociais e transformadores. Por iso criticou o incremento do gasto militar e da asignación á Casa Real e reclamou que o esforzo económico se centrase en reforzar a protección social e os servizos públicos.

Rego lembrou que o Congreso aprobou no seu día unha proposta do BNG para que fose eliminada as taxas de reposición de efectivos que nestes orzamentos no caso da sanidade ou na educación fican estabelecidas en 110% “É imprescindíbel eliminar a taxa para poder dotar os servizos públicos -especialmente neste contexto a sanidade- do persoal necesario e nas condicións adecuadas para garantir un servizo de calidade”, salientou.

Na emenda á totalidade, a formación nacionalista reclama tamén unha fiscalidade realmente progresiva, para que pague máis quen máis ten, e aposta en incrementar o imposto de patrimonio a partir de 1 M€ en vez dos 10 millóns que prevén os orzamentos. Ao tempo reclama a subida das pensións mínimas até igualas ao Salario Mínimo Interprofesional, eliminar o IVE das máscara ou axudas para os sectores máis afectados pola crise como os autónomos, a hostalaría ou a cultura.

Rego sinalou que a emenda á totalidade non necesariamente preludia un voto negativo na aprobación defnitiva destes orzamentos, mais advertiu que para iso o Goberno ten que modificar as previsións orzamentaria en relación á Galiza. “É un toque de atención precisamente porque vemos que neste momento o Goberno non ten a disposición a negociar e a modificar as súas previsións en canto ao tratamento que o noso País ten nestes orzamentos” destacou. O deputado do BNG mostrou a disposición de dialogar para sacar adiante uns orzamentos que permitan políticas transformadoras e de xustiza social pero avisou de que é o Goberno quen ten que modificar os seus criterios e aumentar o investimento na Galiza.