BNG presenta á comunidade científica a proposta do INNOGAL como instrumento para potenciar a ciencia en Galiza
Pontón: “Temos que colocarnos á vangarda da ciencia e iso implica máis investimento, blindar aos e ás investigadoras e captar e reter talento”
A proposta está inspirada no Ikerbasque e no ICREA que situaron Euskadi e Catalunya á cabeza en I+D+i. Pontón espera ter o apoio do Parlamento porque se trata dunha cuestión de País
O INNOGAL aportará eficacia na xestión de recursos e estabilidade ao persoal científico, “porque o amor á ciencia non paga as facturas”, alega
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coa comunidade científica galega para explicarlle de primeira man a proposición de lei de creación do INNOGAL, entidade similar ás que funcionan con éxito en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (ICREA), co obxectivo de facer da ciencia un factor estratéxico para o desenvolvemento de Galiza. O INNOGAL, subliñou, ten un dobre obxectivo: optimizar a xestión dos recursos e reter e captar talento investigador.
“A ciencia é un factor estratéxico para desenvolver toda a nosa capacidade produtiva, crear emprego de calidade e construír unha economía sólida e competitiva, asentada tanto nos sectores produtivos tradicionais como emerxentes”, salientou a líder do BNG. Pero malia a súa importancia, Galiza está moi lonxe do investimento da media europea e por debaixo da media estatal: 1,1% do PIB galego fronte ao 1,43% do conxunto do Estado e ao 2,3% a nivel europeo.
“A xeración de coñecemento é esencial para Galiza, e iso implica dous elementos que son clave: financiamento estable e suficiente, que debe acadar cando menos a media da Unión Europea, e un programa de recursos humanos integral para todas as etapas da carreira investigadora, que aporte estabilidade e planificación aos nosos investigadores e investigadoras”, subliñou, “porque o amor a ciencia está ben pero non paga as facturas”.
E con eses obxectivos, o BNG impulsa a proposición de lei de creación do INNOGAL, que a líder nacionalista confía poda recibir o apoio unánime do Parlamento durante a súa tramitación na Cámara, “porque estamos ante unha cuestión de País”, argumentou.
O INNOGAL está deseñado na proposta lexislativa como un organismo público para facilitar a xeración de ciencia desde unha xestión eficaz e eficiente, tanto dos recursos económicos como humanos e materiais. “Co INNOGAL, o BNG quere pór o capital humano no centro, promovendo as condicións laborais para reter o persoal investigador, captar talento de excelencia e lograr o retorno de talento emigrado”, explicou, destacando o éxito de entidades similares.
Desde a súa creación en 2001, o ICREA obtivo máis de 780 M€ para fondos de investigación. Pola súa parte, o IkerBasque, creado en 2007, conseguiu un retorno de 175 M€ só no último ano e o País Vasco lidera o investimento en I+D+i cun 2,2% do seu PIB e tamén lidera o retorno per cápita de fondos europeos, porque case triplica a media estatal.
Proposición de lei
A Proposición de lei, que o BNG ultima para presentar no Parlamento, componse dun artigo para modificar e incorporar á Lei 5/2013, un capítulo polo que se crea a Fundación galega para a ciencia (INNOGAL), dúas disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e unha disposición derrogatoria única.
“Definimos o INNOGAL como unha entidade sen ánimo de lucro encamiñada a promover a investigación e a ciencia, que supere a fragmentación da política de I+D+i e que permita a creación da figura de persoal investigador”, recalca. A PNL fixa a composición mínima do padroado, a planificación estratéxica e a necesaria rendición de contas ao Parlamento de Galiza. Finalmente, inclúe a garantía de investimento necesario e fixa o prazo dun ano para o desenvolvemento normativo da lei.
Ciencia, motor de futuro
“En definitiva, esta iniciativa lexislativa de creación do INNOGAL parte do carácter estratéxico que o BNG concede á ciencia e á investigación como motor para unha Galiza de futuro, próspera e de vangarda, porque entendemos que a ciencia é clave para o desenvolvemento social e económico e require unha aposta firme, máxime nun momento de grandes cambios e transformacións”, argumentou Pontón.
O País ten capacidade e talento para ser un referente en ciencia e innovación, pero é evidente que se precisan máis medios e unha mellor planificación para estar na vangarda científica. Ese é o fin do INNOGAL, que presentou Pontón e a portavoz parlamentaria de ciencia, Olalla Rodil, a unha nutrida representación da comunidade científica, coas principais institucións e centros de investigación das tres universidades.
Comunidade científica
Entre os asistentes, representantes do Centro de investigación da UdeV (CINBIO), Centro de investigación e Tecnoloxías da comunicación (AtlanTTic), Centro de investigación en tecnoloxías, enerxía e procesos industriais (CINTEX), Centro de investigación en Medicina molecular e enfermidades crónicas (CIMUS), Centro de interdisciplinar de investigación en tecnoloxías ambientais (CRETUS), Centro singular de investigación en tecnoloxías intelixentes (CITIUS), Centro singular de investigación en química biolóxica e materiais moleculares (CIQUS) e Centro de investigación e tecnoloxía matemática (CITmaga), entre outros.
Centro de investigación interuniversitario dos Paisaxes atlánticos (CISPAC), Instituto de investigación sanitaria de Santiago (IDIS), Instituto da Lingua Galega (ILGA), Centro interdisciplinar de química e bioloxía (CICA), Instituto de investigación biomédica (INIBIC), Instituto universitario de xeoloxía, Investigal, Centro de investigacións agrarias de Mabegondo (CIAM), ECOBAS, así como investigadores e investigadoras das tres universidades galegas.