BNG presenta unha campaña social para que o Goberno do Estado aplique xa as rebaixas na AP-9
Néstor Rego: “Do que se trata é de rematar un agravio, cunha discriminación que padecemos todas as galegas e galegos”.
A formación nacionalista solicita que a tramitación da transferencia da autoestrada se faga pola vía de urxencia coa perspectiva futura de acadar unha “AP9 galega e libre de peaxes”
O deputado do BNG, Néstor Rego, acompañado pola deputada no Parlamento de Galiza, Iria Carreira, e as concelleiras de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartin e Navia Rivas, presentou unha campaña social co obxectivo de conseguir que o Goberno español active as rebaixas da AP9 comprometidas no acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE. Así mesmo, a organización nacionalista solicitou no Congreso que a Lei de transferencia de competencias da autoestrada se faga pola vía de urxencia.
Entre as medidas asinadas no acordo de investidura entre BNG e PSOE recollían a bonificación do cen por cen a todos os usuarios e usuarias recorrentes da AP9. “Aquelas que fagan, polo menos, dúas viaxes ao día todos os días da semana sexan particulares ou profesionais” explicou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Amais, lembrou tamén o compromiso de eliminar, de maneira inmediata, a portaxe do tramo entre Vigo e Redondela, así como que os “Orzamentos do Estado asumirán o 1% de incremento anual previsto acumulativo durante vinte anos como consecuencia das obras realizadas en 2011 e 2013”.
A partir dese acordo de investidura incorporáronse tres partidas específicas nos OXE para facer posíbel que estas medidas se levasen a cabo polo que Rego sinalou que “non hai razón de ningún tipo para que o goberno demore que entren en vigor. Deberían ter entrado o un de xaneiro e non é razoábel, que en vez de baixar as portaxes, o que se anunciara fora que a AP9 fose a autoestrada por cuarto ano consecutivo que máis subía de todo o Estado español”.
“O BNG dixo no seu día que xaneiro era prazo máis que suficiente como para que o goberno puidese ter preparado o decreto que permitise a aplicación da baixa destas peaxes e que se non fora así, a organización nacionalista chamaría a mobilización social” apuntou o deputado nacionalista. Tendo en conta o contexto de pandemia, Rego anunciou o comezo dunha “campaña informativa” consistente na pegada de cartaces e faixas, así como a distribución de folletos e a difusión de información a través das Redes Sociais.
Respaldo da sociedade galega e a defensa dos intereses de Galiza
Rego afirmou que “detrás deste tema non só se atopa o BNG senón o conxunto da sociedade galega” posto que o BNG leva tendo reunións con múltiples colectivos afectados polas portaxes: “desde asociacións de veciños e veciñas a transportistas profesionais, que están dispostas a mobilizarse”.
“Do que se trata é de rematar cun agravio, cunha discriminación que padecemos todas as galegas e galegos e que ten consecuencias non só na economía familiar, senón tamén para o desenvolvemento económico do noso país” sentenciou Rego.
Transferencia da AP-9 pola vía de urxencia
Para rematar, o deputado lembrou que o BNG foi pioneiro no traballo relativo a transferencia da AP9, tanto desde a mobilización social como o traballo institucional, conseguindo a unanimidade no Parlamento da Galiza. Esta semana votouse no Congreso dos deputados a toma en consideración desa lei mais a formación nacionalista entende que non existe ningunha razón para esperar no seu trámite.
Neste sentido, Néstor Rego anunciou que o BNG xa rexistrou no Congreso a solicitude para que esa tramitación se faga pola vía de urxencia. “Para que antes do verán poida estar completada a tramitación e a transferencia da AP9 como primeiro paso para unha xestión desde Galiza con criterios social e medioambiental e cunha perspectiva futura de que a autoestrada poida ser galega e libre de peaxes” concluíu o deputado.