BNG presenta a campaña para o 28M coa mirada posta en que é posible un cambio de rumbo concello a concello
A partir de abril, utilizarase o lema Máis por vir, para os concellos nos que goberna o Bloque, e Merece máis, para os lugares nos que aspira a facelo
As bases da campaña para o 28M aséntanse en 3 eixos: solvencia, políticas adaptadas ás necesidades reais do País e poñer ás persoas no centro
O BNG presentou esta mañá a súa campaña para as eleccións municipais do 28M, centrada no modelo que se leva a cabo nos concellos gobernados polo Bloque. “Son referencia na mellora da calidade de vida, na dinamización económica e social, e no crecemento da autoestima e do orgullo da veciñanza polo seu concello”, manifestou a responsable de comunicación da Executiva nacional, Olalla Rodil, facendo alusión a modelos coma os de Pontevedra, Allariz ou Carballo.
Con respecto a isto, indicou que as bases da campaña se asentan en tres ideas. En primeiro lugar, no BNG como sinónimo de rigor, capacidade e solvencia. En segundo lugar, na capacidade de facer políticas adaptadas ás necesidades de cada concello e, finalmente, en terceiro lugar, en poñer ás persoas no centro das políticas. “O mellor escaparate das políticas que representa o nacionalismo galego está na marca de concellos BNG”, subliñou.
En base a isto, desde comezos deste ano e ata a data de convocatoria das eleccións, en abril, está e seguirá utilizándose un lema e unha imaxe visual única para todo o País: “Unha nova Galiza, concello a concello".
A partir da convocatoria electoral en abril, utilizaranse dous lemas. “Alí onde o BNG é oposición, apelaremos a poñer en valor o potencial e a capacidade dos concellos que a día de hoxe está sendo desaproveitada ou desatendida. A idea será que eses concellos merecen máis” explicou a responsable de comunicación da Executiva nacional. Fronte a isto, alí onde goberna o BNG trasladarase unha idea clara: a de continuidade do proxecto de goberno, que é o que garante máis porvir para o concello.
Desta maneira veremos, por exemplo, “Santiago merece máis!” ou “Pontevedra, máis por vir!”.
Visualmente a campaña conta cunha continuidade correspondente á gama de cores que se levan utilizando durante toda a etapa de Ana Pontón a fronte do BNG, que a responsables de comunicación da Executiva nacional definiu como unha gama cromática “colorista que traslada optimismo e frescura, pero tamén un xogo visual a partir da figura do corazón, que conforma, vai conformar, un símbolo de suma en moitas das pezas da campaña”.
Para finalizar, Rodil avanzou que o domingo 26 de marzo terá lugar un encontro nacional municipal no que participaran 1.500 persoas entre candidatas, militantes, simpatizantes e representantes políticos e institucionais. “Un grande acto co que dar comezo a unha intensa precampaña cara ás eleccións municipais na que estamos certas que o BNG será a forza que máis sume e avance por todo o País”, concluíu.