Debate sobre o estado da nación galega 2019

O BNG presenta 40 medidas para colocar a Galiza no século XXI fronte ás propostas resesas de Feixóo

Olalla Rodil
O BNG centra as súas propostas no impulso económico que precisa Galiza para saír da crise demográfica e industrial, blindar os servizos públicos  e o benestar e medidas destinadas a gañar peso político e  máis autogoberno
A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil presentou as propostas de resolución do BNG ao Debate do Estado da Nación que centradas en tres bloques: Impulso á economía, Benestar social e Autogoberno.

Para a nacionalista, as 40 propostas do BNG “son reais e colocan a Galiza no século XXI fronte ás propostas da década dos 90 de Feixóo”. A xuízo da parlamentaria,  “Feixóo representa o pasado” e no Debate do Estado da Nación celebrado onte no Parlamento galego constatou que “non ten ningunha proposta que ofrecer a Galiza” e mesmo tivo que “rescatar ideas da década dos 90 para traer algo ao debate”. Rodil afirmou que   Galiza está no século XXI e “merece máis” polo que reiterou a vixencia das propostas do BNG como alternativa aos problemas reais do noso país.

A deputada criticou a falta de propostas de Feixóo sobre un novo modelo de financiamento, medidas para acabar coa precariedade laboralo ou para resolver a  enorme crise industrial de Alcoa,  Ferroatlántica,  Isowat, As Pontes, Poligal, ou R . Onte, afirmou Rodil, Feixóo deixou claro que  “manterse na Xunta de Galiza é un fin en sí mesmo, un salvavidas persoal  e para o seu partido”.

Fronte a isto, as  40 propostas do BNG  son a solución a problemas reais, aos  problemas que viven as galegas e galegos e que o presidente da Xunta decidiu ignorar. Porque hai “unha Galiza real e logo a Arcadia feliz de Feixóo”, apostilou  a deputada.

PROPOSTAS DO BNG

-Impulso económico e modernización para encarar a crise demográfica con impulso industrial e peche de ciclos produtivos. Poñer a enerxía ao servizo do desenvolvemento  cun prezo xusto e competitivo para  familias e  tecido económico. Unha Tarifa Eléctrica Galega que reduza as peaxes  por transportar fóra a enerxía e unha  estratexia para pechar ciclos produtivos xerando valor engadido no sector agrogandeiro,  forestal e no  mar.

O BNG tamén  propón “un Pacto pola Ciencia” para  converter o I+D+i no motor de desenvolvemento económico dotado cun investimento progresivo do 3% do PIB en innovación. Crear o  Instituto Galego público de innovación (INNOGAL) e deseñar un programa integral de I+D+i con perspectiva de xénero para impedir que as investigadoras se vexan obrigadas a abandonar a súa carreira investigadora “por ser nais”.

Outra das propostas é crear unha  Banca Pública ao servizo das pequenas e medianas empresas galegas semellante ás que existen en  Alemaña, Francia, Noruega, Dinamarca ou Países Baixos.

Benestar social e Igualdade

 Blindar os servizos públicos: Sanidade e Educación. Reverter os recortes en Atención Primaria e as privatizacións; recuperar as xerencias e garantir o persoal necesario nos PACs e centros de saúde.

No ámbito educativo aprobar unha lei galega e  suprimir os concertos co ensino privado.

Rodil tamén presentou medidas contra a violencia machista reclamando investir, como mínimo, o “1% do Orzamento” e crear Xulgados exclusivos de violencia nas cidades

Para as pensións non contributivas, o BNG propón un incremento de 100 euros. Por outra parte, tamén reclamar 198 M€ que adebeda o Estado a Galiza  en materia de dependencia e  medidas reais de conciliación  coa  escolarización de 0-3 anos e un “Banco de horas de Canguro” para situacións sobrevidas ou imprevistas. 

Autogoberno: Medidas para gañar peso político como país

O BNG propón crear unha ponencia cara un “novo estatus político” e deseñar un novo modelo de financiamento así como defender unha Axenda galega ante o Estado.

Paralizar a prórroga de ENCE, pagamento do porto exterior da Coruña,  reclamar ao Estado  2 mil M€ para modernización do ferrocarril e convocar  Comisión mixta de transferencias son algunas das propostas que mañá defenderá o BNG no Debate do Estado da Nación ás que sumará as de  proxección exterior de Galiza e un  Plan de impulso de relacións económicas, políticas, lingüísticas, culturais  cos países da CPLP forman parte das prospostas que mañá defenderá no Debate anual do Estado da Nación.