O BNG presenta 100 propostas contra o empobrecemento e o paro

Rolda de prensa da viceportavoz Ana Pontón

O BNG salta a restrición de 50 propostas de resolución e presenta 100 porque “Galiza ten máis de 50 problemas”

 A viceportavoz do Grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón presentou hoxe ante os medios de comunicación as 50 propostas de resolución esixidas no novo formato do Debate do Estado da Nación á que sumou outras cincuenta porque “Galiza ten máis de 50 problemas”.

A deputada afirmou que Feijóo ofrece un “pacto de silencio” cando se refire ao dialogo e o BNG “non vai calar” ante os problemas reais de Galiza, de aí que presente 50 alternativas máis a pesar da limitación na presentación de propostas.

 Alternativas para frear o espolio galego, loitar contra o paro e defender os servizos públicos

A nacionalista anunciou as propostas de resolución do BNG que enmarcou en tres eixos básicos: “frear o espolio de Galiza, loitar contra o paro e emigración xuvenil e a defensa dos servizos públicos”.

As alternativas do BNG contrastan co discurso do Presidente da Xunta de Galiza, dixo, un presidente que “esqueceu o sufrimento de milleiros de galegos e galegas, non recoñeceu os seus erros e segue sen mostrar disposición a mudar de política”.

Pontón considerou “unha medida insuficiente” a proposta de rebaixar o IRPF nas rendas máis baixas realizada onte por Feijóo no Debate do Estado da Nación e explicou que despois de facer os cálculos, a “medida estrela” do Presidente da Xunta representará un impacto real entre os 25 e os 63 euros anuais.

Para a deputada, Núñez Feijóo pretende con este anuncio tapar outras medidas regresivas como o novo céntimo sanitario e a suba do combustible, co agravante de que serán impostos que pagarán igualmente unha persoa en paro ou Amancio Ortega. Fronte a isto, o BNG defende unha reforma fiscal xusta cambiando o modelo de financiamento para contar con máis recursos.

Avogamos, manifestou por unha reforma fiscal que “grave ás rendas máis altas, crear un imposto sobre as grandes superficies comerciais e empresas pola contaminación do medio ambiente”.

Asemade, o BNG proporá “a autonomía fiscal plena” e que as empresas tributen en Galiza e non en Madrid o que suporían “1.000 millóns de euros para as arcas públicas galegas”.

 O BNG reclama parar a venda de Novagalicia Banco e crear unha tarifa eléctrica galega

Pontón tamén aludiu a outras propostas entre as que destacou: a paralización da venda de Novagalicia Banco, a creación dunha tarifa eléctrica galega , unha quita ás hipotecas e a defensa do idioma galego coa “inmediata retirada” do decreto.

A loita contra o paro e a emigración xuvenil obriga a aproveitar a capacidade produtiva galega a través de iniciativas de apoio ao agro, pesca sector naval e eólico ao que sumou máis investimento en I+D+i.

A nacionalista apostou polo “emprego de calidade” e medidas de política social que conleven a eliminación do “repago d@s enferm@s crónicos”, loitar contra a pobreza creando unha “renda de garantía social” para poder vivir dignamente, protección dos desafiuzad@s e reducir o 50% dos gastos da Cidade da Cultura para destinalos ao sector do libro e ás artes escénicas.

Finalmente volveu reclamar a entrega da documentación solicitada sobre Marcial Dorado e da trama Gürtell así como unha reforma electoral e do regulamento do Parlamento co obxecto de convertelo en “máis democrático e áxil” e con maior capacidade para dar resposta aos problemas de Galiza.

Consulta aguí as 100 propostas do BNG

Propostas de resolución 1

Propostas de resolución 2