Parlamento Galego

BNG preguntará a Rueda pola deriva antidemocrática do PP tras o veto a que Feijóo compareza na comisión de investigación

Olalla Rodil

Rodil acusa os populares de pregar o Parlamento aos seus intereses para tapar as presuntas irregularidades nas contratacións con empresas amigas

Máis axudas para as mulleres vítimas da violencia machista e unidades de reprodución asistida en Lugo e Ourense, temas do BNG no próximo Pleno 

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, criticou tras a Xunta de Portavoces a “deriva democrática do PP”, que estes días se está a facer evidente coa imposición que fixeron os populares do plan de traballo na comisión de investigación sobre os chanchullos nas contratacións da Xunta e o veto á comparecencia, entre outros, do ex presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.

Este será, precisamente, o asunto polo que a portavoz nacional, Ana Pontón, pregunte ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión plenaria da próxima semana, segundo avanzou Rodil, para quen os populares “están traspasando todos os límites”. A deputada nacionalista referiuse así aos vetos na comisión de investigación que, lembrou, creou o BNG como segunda forza política para estudar presuntas irregularidades nos contratos menores da Xunta, nas adxudicacións da pandemia ou na concesión do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cun sobreprezo de 470 millóns de euros.

“Que a maioría impoña o seu criterio nun caso así é algo inédito neste Parlamento e un feito gravísimo que non se pode tolerar”, advertiu en relación á “unha deriva do PP que nos parece intencionada e política para pregar tanto o regulamento como esta Cámara” aos seus intereses e para “tapar o que o Bloque quere que se coñeza”, agregou en alusión ás “empresas que por vínculos familiares con dirixentes do PP se están enriquecendo a conta do diñeiro público de todas as galegas e galegos”.

Rodil acusou tamén o PP de  “actuar de maneira partidista” mesmo na ordenación do plenos. “A presidencia non pode actuar de parte senón que debe velar e garantir os dereitos de todas as deputadas e deputados”, expuxo, lembrando o que aconteceu no último Pleno, no que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, negoulle a palabra ao BNG “sen nin sequera escoitar por que a pediamos”. Segundo explicou, o Bloque xa presentou unha queixa formal por esta cuestión na Xunta de Portavoces.

O BNG aproveitará a proximidade do 25-N para levar tamén ao Pleno dúas cuestións relacionadas coa garantía dos dereitos das mulleres. En primeiro lugar, defenderá unha proposición non de lei para incrementar na convocatoria de 2025 e conforme ao IPC dos dous últimos anos, a contía das axudas periódicas ás vítimas de violencia machista.

Trátase dunhas axudas que son únicas no Estado español para garantir a independencia económica das mulleres en situación de violencia, mais que están conxeladas “dende hai moito tempo”, polo que “o mínimo, máis aínda diante da feminización da pobreza, é actualizalas respecto ao coste da vida”, afirmou a viceportavoz nacionalista, que aproveitou a comparecencia ante os medios para trasladar a “rotunda e contundente” condena do BNG ao último asasinato machista que tivo lugar en Baiona, o cuarto feminicidio deste ano en Galiza.

A través de outra proposición non de lei, o Bloque vai defender en segundo lugar a creación de unidades propias de reprodución asistida en Lugo e Ourense, posto que as mulleres destas áreas sanitarias teñen que desprazarse a A Coruña e Vigo para recibir os tratamentos, causándolles un “enorme prexuízo”.

“Está ben ampliar a idade para recibir os tratamentos de reprodución asistida, pero debe garantirse o correcto funcionamento das unidades e que todas as mulleres poidan acceder a eles en igualdade de condicións”, apunto, Olalla Rodil, que avogou por “acabar co desequilibrio territorial” e a “discriminación” neste servizo sanitario dotando de máis recursos humanos e materiais a toda a rede galega.

Prórroga da moratorio do eucalipto ou barra libre

Entre os asuntos que os deputados e as deputadas nacionalistas levarán ao próximo pleno figura tamén a moratoria a novas plantacións de eucalipto, que remata en 2025 e que o BNG pide prorrogar ata o ano 2030, como xa fixo Portugal. Rodil preguntouse se a Xunta vai aceptar a proposta nacionalista ou, pola contra, “vai volver á barra libre que nos trouxo ata esta situación”, agregou, subliñando que o esta árbore non deixou de medrar nos últimos cincuenta anos, pasando de ocupar 131.00 hectáreas en 1973 a máis de 413.000 hoxe en día, o 14 % do territorio do País, segundo os datos máis recentes do  Inventario Forestal Continuo de Galiza.

O eucalipto, destacou, xa superou amplamente o límite que establecía o Plan Forestal galego de 1992, no que se fixaba para 2032 un máximo de 245.000 hectáreas para plantacións desta especie que esgota os nutrientes do solo e a diversidade, o que dificulta a recuperación e o cultivo futuro nas áreas afectadas.