O BNG preguntará Feijóo polas 50.000 persoas que emigraron de Galiza no último ano
O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera afirmou que a emigración en Galiza, por razóns laborais constata o fracaso das políticas de Feijóo
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera deu conta dos asuntos do vindeiro pleno tras a Xunta de Portavoces. Na comparecencia ante os medios de comunicación, Jorquera avanzou que o BNG preguntará a Feijóo sobre as 50.000 persoas que se viron obrigadas a emigrar no último ano por motivos laborais e cualificou de fracaso as políticas do presidente da Xunta.
Jorquera explicou que os datos sobre mobilidade xeográfica constatan a emigración, por motivos laborais, de 49.963 persoas fronte as 27.444 doutras comunidades ao que sumou un saldo migratorio dende o ano 2009 en Galiza que ascende a 125.208, o equivalente a máis dun terzo da poboación da provincia de Lugo.
Para o nacionalista, os datos publicados confirman a magnitude do drama dun país no que os seus habitante vénse obrigados a marchar para gañarse a vida.
Asuntos incluídos no pleno á iniciativa do BNG
O parlamentario tamén avanzou que no vindeiro pleno será debatida unha Proposición non de lei relativa á necesidade dun marco galego de relacións laborais e defensa da negociación colectiva en Galiza. Neste sentido, o BNG proporá un acordo no Parlamento para que os convenios sectoriais provinciais, autonómicos ou doutro nivel superior ao de empresa, teñan prevalencia sobre o convenio de empresa e tamén sobre os estatais.
Por outra banda, a través doutra proposición non de lei, o BNG instará á Xunta a realizar todas as acción necesarias para garantir a continuidade e postos de traballo de Alcoa ante o anuncio da súa posible venda e na que están en xogo 2.000 empregos directos que xeran centos de postos de traballo indirectos. Alcoa, dixo, representa o 30% do PIB da provincia de Lugo. Galiza é unha potencia na xeración de electricidade pero hai empresas que poden cerrar por non poder asumir os custes enerxéticos e a situación de de Alcoa é consecuencia tamén dunha privatización con consecuencias ruinosas para o interese xeral.
Finalmente, o BNG interpelará ao Goberno sobre a política de defensa e prevención dos incendios forestais e polas razóns que motivan que o Goberno non asine o convenio colectivo cos traballadores/as do consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar.