BNG pregunta que vai pasar co 1.400.000 euros pendente da liña de axudas de AGADIC para promover o audiovisual galego
Mercedes Queixas destacou que existen máis de cen empresas do audiovisual e un gran talento recoñecido en todo o mundo que non se corresponde coa actuación deste goberno
Tras a intervención do director da Axencia Galega das Industrial Culturais, AGADIC, Jacobo Sutil, que confirmou a presentación de cinco proxectos dos que dous foron beneficiados nas axudas, a parlamentaria afirmou que “algo pasa cando en Galiza existe un gran número de empresas do sector do audiovisual e un gran talento recoñecido internacionalmente” que non se corresponde coa actuación do goberno do Partido popular. Neste sentido, tamén preguntou polas razóns do retraso das axudas para a promoción e o talento.
Queixas aludiu ás denuncias do sector ante o carácter restrinxido para acceder ás axudas e considerou que “algo está ocorrendo” que debe ser aclarado porque hai unha grande oportunidade para fomentar o audiovisual e non se está aproveitar. O sector, dixo, continua agardando polas axudas, sobre todo despois dun período de grande dificultade por mor da pandemia e as axudas á produción, talento e rodaxes audiovisuais favorecerían substancialmente a recuperación económica.
A parlamentaria do BNG lamentou que o titular de AGADIC non respondera ás preguntas formuladas e sobre todo que non confirmara exactamente cantos proxectos foron aceptados. Queixas lembrou ao director, Alfonso Zarauza coa cita: “Os silencios na vida, pero sobre todo no cine, contan máis que as palabras” e engadiu que “en política tamén” porque os silencios son difíciles de explicar como aconteceu nesta comparecencia.
A deputada do BNG criticou a propaganda de Feixóo na presentación da convocatoria en contraste co “escaso éxito da mesma” e máis ben parece, dixo, unha convocatoria “á medida dos participantes na mesa” na que Feixóo facía a presentación.
Si como vostedes mesmos din, o audiovisual é un sector estratéxico e cun potencial de talento de “primeiro nivel”, cales son as razóns polas que esta convocatoria non responde a este criterio nin satisface a un sector “diverso e heteroxéneo” con máis de cen empresas’.
Non deixa de sorprender que na única reunión non houbera unha representación dos colectivos de asociacións profesionais, todo indica que o “dialogo foi condicionado”, aseverou.
Por outra banda, tamén preguntou porque a convocatoria non conta cunha resolución propia e hai que acudir á global do ano 21.
Para a nacionalista, resulta moi chamativo que tendo un potencial tan grande e diverso non se produciran máis demandas, circunstancia, que ao seu xuízo, constata o “fracaso” da convocatoria e require “unha rectificación” para próximas convocatorias.
Mercedes Queixas preguntou si o goberno ten previsto mudar os criterios en vindeiras convocatorias ante as críticas do sector sobre uns criterios que cualifica de limitados para o corpus do audiovisual galego.
As vindeiras convocatorias, insistiu a nacionalista, serán máis abertas e cunha oportunidade de acceso maioritaria o continuará coas restricións actuais?
Queixas rematou a súa intervención pedindo explicacións ao director de AGADIC sobre o destino do 1.400.000 euros que queda pendente nas axudas para promover e fomentar o audiovisual galego, “déanlle ao audiovisual galego o papel de protagonista que merece” e non retrasen máis as axudas para produción e o talento.