O BNG pregunta polo futuro do CDG, Centro Coreográfico e Centro Galego das Artes da Imaxe desmantelados polo PP
No CDG, explicou Rodil, puxeron a andar o concurso público para renovar a dirección no mes de agosto a pesar de coñecer a decisión da directora de abandonar o cargo, dende o mes de maio. “Unha remuda, produto das demandas do sector do teatro para a necesaria refundación do Centro Dramático Galego”.
Por outra banda, o Centro Coreográfico Galego quedou sen dirección en outubro co cese de Mercedes Suárez, cese acompañado de “durísimas críticas de profesionais da danza” a súa xestión.
Para a deputada, o Centro Coreográfico leva dez anos “durmindo o soño dos xustos”. Anos, recalcou, de inactividade e sen producións propias, sen plan de actuación para as artes do movemento, con contas opacas e “incompatibilidades non xustificadas” por parte da que fora a súa directora durante 9 anos.
De igual maneira, indicou que permanece descabezado o Centro Galego das Artes da Imaxe, o histórico CGAI.
Os recortes do Partido popular son evidentes e as cifras falan por si soas. Nos Orzamentos para 2020, o Centro Dramático Galego, “250 mil euros menos”, o Centro Coreográfico Galego, 100 mil euros menos que no ano 2019 e o Centro Galego das Artes da Imaxe percibirá 50 mil euros menos de orzamento. Sen embargo, o PP gábase de que “1 de cada 3 euros da consellería de Cultura será destinado ao Xacobeo 2021”. Quizais deberíamos resucitar o pelegrín para e poñelo á fronte das unidades de produción da AGADIC a ver se así as consideran vostedes unha prioridade, ironizou a deputada.
Sen dirección e sen orzamentos, cada vez quédannos menos dúbidas de que a folla de ruta do Partido Popular para estas institucións culturais sexa “o progresivo desmantelamento” por iso, dende o BNG preguntamos que vai facer a Xunta coas dirección do CGAI e o Centro Coreográfico.
O PP anuncia un novo estatuto para AGDIC sen comunicar nin negociar co sector
Tras a resposta do conselleiro de Cultura anunciando un novo estatuto da Axencia Galega de Industrias culturais, a nacionalista mostrou a súa sorpresa por un anuncio que “non foi comunicado nin negociado co sector”. Que casualidade, explicou Rodil que hoxe o BNG presente esta pregunta e cultura anuncie, como sacando “un coello da chistera” un novo estatuto do que ninguén ten noticia. Si o Partido popular está disposto a resolver o problema dos nomeados centros culturais, “acepten a emenda que o BNG presenta aos orzamentos do 2020” para impedir que continúen os recortes.