BNG pregunta polas alternativas de transporte nos días que estea cortada a liña ferroviaria Ourense-A Coruña
Néstor Rego demanda a ADIF estabelecer máis medios e recursos para acurtar no posíbel os prazos en que a vía estará fechada para completar o despregamento do sistema de seguranza ferroviaria ERTMS
A frente nacionalista reclama ao Ministerio de Transportes pór os medios necesarios para evitar problemas nos días en que permanecerá cortada a liña ferroviaria AVANT Ourense-Santiago de Compostela
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas na cámara baixa para preguntar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana polos medios de transporte alternativos previstos para as persoas usuarias da liña AVANT. A frente nacionalista quere evitar que se produzan problemas mentres a liña ferroviaria permaneza fechada pola instalación do sistema de seguranza ferroviaria ERTMS.
As fontes de ADIF só están a anunciar o corte da liña ferroviaria AVANT entre Ourense e Santiago de Compostela: un corte inicial de catro días e outro de máis de dez xornadas para realizar os percorridos de fiabilidade e para a formación dos maquinistas. Neste sentido, aínda non especifican cando comezará a instalación do sistema de seguranza do ERTMS e, por tanto, as interrupcións do tráfico ferroviario.
“A substitución dos servizos ferroviarios pola oferta de autobuses debe ser adecuada, unha frota de autobuses que teña a capacidade para prestar servizo a todas as persoas usuarias” explica o deputado do BNG. Néstor Rego entende que xa é abondo que a liña de autobuses teña que saír unha hora antes da estación “co prexuízo que suporá isto para as persoas usuarias”.
Neste sentido, a organización nacionalista quere saber se a liñas de autobuses previstas serán suficientes para prestar o servizo e evitar o colapso nas horas puntas. “Non é o mesmo a capacidade dun tren que a dun autobús, entendemos que nos tramos horarios de máis afluencia, a operadora debe ter os recursos materiais e humanos suficientes para prestar o servizo sen que ninguén quede en terra” sinala.
Alén do máis, o deputado do BNG no Congreso reclama máis recursos para acurtar no posíbel os prazos dos dous períodos de fechamento das vías para a instalación do sistema de seguranza ERTMS, por certo, dez anos após o fatídico accidente de Angrois. “A posta en marcha debe estar dispoñíbel no menor tempo posíbel, ADIF debe estabelecer máis recursos e equipamento para completar o despregamento entre Ourense e Santiago de Compostela co obxectivo de acurtar o tempo que a liña ferroviaria estará fechada” indica Rego.