O BNG pregunta á CE pola utilización dos fondos europeos na loita contra os incendios en Galiza
A eurodeputada Ana Miranda defende un novo modelo de xestión do monte que teña en conta a prevención dos lumes e o cambio climático
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar unha pregunta dirixida á Comisión para a súa resposta escrita sobre a utilización dos fondos FEDER na loita contra os incendios en Galiza. “Para Galiza é fundamental saber se os fondos europeos empréganse correctamente en todos os casos, pero temos que ter en conta que o tema dos lumes aféctanos cada ano de forma moi particular”, explica.
Segundo salienta a eurodeputada nacionalista, o goberno galego non é transparente na utilización destes fondos e “só podemos ver o resultado do seu uso: o emprego masivo do eucalipto en boa parte da rexeneración das áreas queimadas”. Precisamente neste sentido expresouse Ismael López, representante da asociación ambiental Petón do Lobo, con quen Miranda mantivo un encontro antes da súa intervención sobre este tema na Comisión de Peticións.
“Cómpre modificar o actual modelo de xestión do monte que teña en conta o cambio climático e a prevención de incendios e que poña en marcha unha nova política de desenvolvemento rural”, subliñou Ana Miranda, para quen esa nova xestión debe ter o obxectivo de adecuar os montes ás novas condicións climáticas mediante a diminución da plantación de eucaliptos e o incremento de carballos e outras especies autóctonas máis resistentes ao lume.
Fondo de solidariedade
Miranda lembra que o pasado 30 de maio o Parlamento Europeo aprobou a mobilización do Fondo de Solidariedade da Unión Europea para facer fronte aos incendios que no mes de outubro de 2017 estragaron Galiza. O documento aprobado contemplaba un total de 3,2 millóns dos euros para paliar a destrución de infraestruturas públicas, vivendas, empresas e zonas forestais, cunha superficie queimada total de 49.171 hectáreas, 151 concellos atinxidos e case 100.000 persoas afectadas.
“O Bloque seguirá estando sempre atento ao control das axudas concedidas”, afirmou a deputada galega.