O BNG pregunta no Parlamento pola situación do alumnado do CEIP Frei Luís de Granada, en Sarria
A deputada Carme Aira formulou unha pregunta no Pleno do Parlamento sobre o estado do CEIP Frei Luís de Granada, a relocalización do alumnado na Escola Fogar e as medidas que debe adoptar a Xunta de Galiza ao respecto.
“Desde o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego vemos con enorme preocupación a situación en que se atopa o colexio Frei Luís de Granada de Sarria e a decisión adoptada pola Xunta de Galiza a respecto da relocalización do alumnado mentres non se realizan as obras de mellora deste centro, dividindo o estudantado entre o Xograr e a Escola Fogar”, sinalou.
O edificio do Frei Luís foi inaugurado en 1974. Na actualidade presenta importantes deficiencias na súa estrutura o que provocou a aparición de novas gretas e o agravamento doutras que xa existían. Esta situación non é nova pois en 2011 foi preciso intervir sobre a infraestrutura nunhas obras que duraron 10 meses e que obrigaron a desprazar o alumnado a outro centro. Estas obras de 2011 supostamente corrixiran os problemas estruturais do edificio , pero o certo é que non á vista dos acontecementos.
A Consellaría de Educación decidiu instalar a comezos de xaneiro de 2020 puntais no patio así como en corredores e algunha das aulas para paliar as deformacións perante as denuncias da dirección e o profesorado do centro que advertían do empeoramento do edificio. Logo de varias mobilizacións e denuncias públicas por parte das nais e pais, a Xunta de Galiza optou, como medida temporal, por trasladar o alumnado á Escola Fogar, un espazo que está lonxe de ser o acaído para acoller un centro educativo.
Como é sabido, en marzo de 2020 declárase unha emerxencia sanitaria por mor da covid-19 e o curso 2019/2020 remata coa poboación en proceso de desconfinamento. Porén, a Xunta de Galiza ás portas do curso 2020/2021 decide que, entretanto non se efectúan obras de mellora no Frei Luís, o alumnado continuará a estudar dividido en grupos entre o Xograr e a Escola Fogar.
“Desde o Bloque Nacionalista Galego cremos, como tamén as familias, que a Escola Fogar non posúe as condicións requiridas para ser centro educativo, menos aínda se temos en conta a situación sanitaria que existe na actualidade, e que as obras previstas pola Consellaría de Educación non servirán para resolver os problemas estruturais do CEIP Frei Luís de Granada senón que o que precisa Sarria é un novo centro de ensino adaptado ao século XXI”, advertiu a deputada.