Parlamento Galego

O BNG pregunta no Parlamento pola vertedura de gasóleo na ría de Corcubión

  • O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) salientou que o vertido, estimado entre 3.000 e 4.000 litros de gasoil e  procedente dunha caldeira do CEIP “Praia de Quenxe”,  paralizou a actividade marisqueira durante varios días  

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas formulou hoxe unha pregunta en comisión,  sobre as consecuencias da vertedura de gasóleo na ría de Corcubión procedente da caldeira do CEIP “Praia Quenxe”, durante a fin de semana dos días 16 e 18 de decembro.

O parlamentario lembrou que a ría de Corcubión está exposta a continuados accidentes  polas deficiencias no tratamento de depuración das augas que chegan ao mar polo que preguntou que medidas ten previstas o goberno contra estes episodios de contaminación.

Na súa intervención, Rivas explicou que os propios mergulladores manifestaron as malas condicións das augas e o cheiro trala vertedura do gasóleo e reiterou que durante algúns días o aproveitamento de navalla, longueirón e moluscos bivalvos das subzonas nas praias de Cee e Corcubión viuse gravemente danado.

Pola súa parte, a responsable do Instituto Tecnolóxico para o control do Medio Mariño (INTECMAR), recoñeceu a vertedura de gasóleo e os seus efectos na ría de Corcubión. Tras dar conta dos efectivos empregados, tanto no mar como en terra, cualificou de “accidental” o vertido e asegurou que na actualidade Galiza conta con máis medios para facer fronte a este tipo de accidentes ao que o nacionalista respondeu, ironicamente, que a Xunta cando se produce un suceso parecido sempre presume dos efectivos sen embargo, “ só hai que mirar como están as nosas rías” para constatar o “alto nivel de contaminación que soportan”.

Estes episodios, dixo, o deputado, “ afectan negativamente á calidade das augas e repercuten  contra o desexable equilibrio ambiental das nosas  rías”.