BNG pregunta sobre o grao de execución das obras previstas para a mellora da vía no tramo Covas-Monforte
Néstor Rego rexistra no Congreso preguntas ao Goberno sobre o estado das actuacións anunciadas por ADIF en 2021 ao estar rematando o prazo de execución
“Interésanos saber o horizonte temporal para o remate das obras de mellora e renovación de elementos da vía e a situación das tarefas de electrificación” demanda
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas no Congreso para coñecer o grao de execución e a evolución das obras para a mellora da infraestrutura ferroviaria no tramo Covas-Monforte de Lemos. A frente nacionalista demanda a ADIF informar sobre o estado das actuacións de mellora de desmontes, terrapléns, túneles e obras de drenaxe, así como as obras para a renovación de elementos de vío neste tramo e a electrificación da vía.
ADIF adxudicou, en xaneiro de 2021, un contrato para a redacción do proxecto de mellora de infraestrutura e vía no tramo Covas-Monforte de Lemos por máis de 2 millóns de euros. De facto, en novembro de 2021 cortábase o tráfico ferroviario de pasaxeiros entre Lugo e Monforte por dous días para mellorar o corredor. O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias sinalaba que o obxectivo era modernizar e aumentar a capacidade e fiabilidade da rede ferroviaria de ancho convencional para aumentar o trafico, tanto de pasaxeiros como de mercadorías, e a mellora da calidade no servizo.
“O prazo de execución estipulado por ADIF era de 24 meses, dous anos, e, neste momento, queremos coñecer o estado de execución destas obras. Interésanos saber o horizonte temporal para o remate das obras e a situación das tarefas de electrificación” afirma o deputado do BNG. Néstor Rego demanda ao administrador de infraestruturas informar sobre o estado actual das obras, que actuacións se levaron a cabo e cales faltan por executar. “Contemplábanse actuacións para a mellora de desmontes, terrapléns, pontes, túneles, e obras de drenaxe” lembra.
No corte ao tráfico os días 20 e 21 de novembro de 2021, ADIF aseguraba que acometería as obras de drenaxe, pasos superiores, noiros de trincheiras e túneles -todas relacionadas coa infraestrutura- así como as que permitirían a electrificación da vía no tramo entre Monforte de Lemos e Lugo Mercadorías, dunha lonxitude de 75 quilómetros.
“Alén do máis, engadíase que entre as principais actuacións previstas estaba a adaptación da infraestrutura ás novas condicións de explotación, o cambio de electrificación de 3kV a 25kV no tramo Ourense-Monforte e a electrificación a 25kV do tramo Monforte-Lugo” engade Rego. Neste punto, o deputado nacionalista quere saber en que estado se atopan as actuacións relativas á electrificación da vía e cando estarán rematadas este tipo de actuacións.