BNG pregunta á Comisión Europea que medidas vai tomar para que a Xunta garante o pago das axudas á produción ecolóxica
A través dunha pregunta parlamentar, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, insta á Comisión Europea a que a Xunta de Galiza garanta o pago das axudas á produción ecolóxica e cumpra os criterios marcados por Europa para acadar o 25% deste tipo de produción no ano 2030, tal e como reclama a Asociación de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galiza.
No ano 2022 o goberno galego só asignou 3,18 millóns de euros en axudas, fronte aos necesarios 5,6 millóns de euros para cubrir todas as solicitudes presentadas, o que significa a falta de asistencia para o 43 % das hectáreas solicitadas. “Tendo en Galiza só o 5% de terras agrícolas destinadas á produción ecolóxica, como é posible que o goberno galego non dea resposta á demanda de transicións a este tipo de produción?”, pregúntase Ana Miranda.
A eurodeputada do Bloque denuncia a decisión unilateral do goberno galego de non pagar as axudas comprometidas ao sector no ano 2022, polo que critica que “o incumprimento deliberado da estratexia marcada por Europa para incrementar este tipo de produción até o 25%. “É insultante a desidia do PP cara os nosos sectores produtivos”, manifesta Miranda, quen ao tempo subliña que “Bruxelas sabe deste problema grazas ao Bloque, e será o Bloque con Ana Pontón de presidenta quen solucione este problema”.
Precisamente dende a Asociación de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galiza, manifestan a preocupación do colectivo “pola situación que están a vivir pola perda de axudas respecto ao 2022 e a falta de datos oficiais sobre 2023”. Tamén expresan a súa preocupación polos rumores sobre que hai arredor de 30.000 hectáreas menos no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galiza.
Xiro nas políticas de Medio Rural
“Pensamos que a actitude da Consellería de Medio Rural vai totalmente en contra de todas as directrices europeas e dos intereses do sector e que e un claro exemplo do boicot da Xunta á produción ecolóxica”, salientan dende a asociación ao tempo que avanzan que seguirán traballando en defensa dunha produción sostible e saudable. “Agardamos un xiro de 180 graos nas políticas de Medio Rural”, conclúen.