O BNG pon en mans da fiscalía as irregularidades en torno á moción de censura de Castrelo de Miño
Noa Presas: “Basta xa de que Ourense sexa sempre protagonista de corruptelas”
A formación nacionalista sinala que, se as accións levadas a cabo polo PP en Castrelo de Miño son certas, son feitos de “extrema gravidade”
A dirección política do BNG ven de presentar un escrito nos xulgados para dar a coñecer á fiscalía das irregularidades cometidas por concelleiros de Castrelo de Miño e o resto de organización políticas. A representante da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas, e o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez, sinalaron a permanencia dos dous concelleiros no grupo municipal socialista e indicaron que os feitos que foron informados no pasado pleno son de extrema gravidade e tipificados no Código Penal.
Nun primeiro momento, a dirección política da organización nacionalista mostrou o apoio ás compañeiras de Castrelo de Miño ante o ataque democrático que se está vivindo no municipio despois dun ano de mandato onde as veciñas e veciños de Castrelo de Miño decidiron que fose un goberno progresista encabezado polo BNG quen lexislara estes catro anos. A moción de censura, presentada polo Partido Popular, levarase a cabo o vindeiro martes 11 de agosto ás 12 horas da mañá, e contribuirá a “engrosar a lista de alcaldías de Baltar”.
Diante dos xulgados de Ourense, a representante da Executiva Nacional, Noa Presas; a representante legal do BNG, Esther Vázquez; e o actual alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez; deron conta do escrito entregado á fiscalía para poñer en coñecemento da administración xudicial as irregularidades relatadas pola propia voceira socialista durante o pasado pleno municipal. Ela mesma fora chantaxeada por parte de membros do Partido Popular e indicou que se lle ofrecera un posto de traballo na Deputación de Ourense cunha contía de arredor dos 42.000 €.
“Estes feitos denunciados e informados no pleno son de extrema gravidade. Estaríamos a falar dun delito de suborno, de cohecho, que aparece tipificado no Código Penal no art. 419 e sucesivos” explicou a representante do BNG, Noa Presas. Así mesmo, a deputada do BNG continuou afirmando que a organización nacionalista entende que esta moción “non é lexítima” porque contradí o resultado escollidos polos electores e electoras, sumado a que agora teñen indicios de que “hai unha man negra detrás desta moción de censura e que hai unha compra que en dous destes concelleiros socialistas si que tivo éxito”.
“Basta xa de que Ourense sexa sempre protagonista de corruptelas e se hai feitos a fiscalía ten que investigalos e exercer unha actitude exemplarizante para que isto non volva acontecer” remarcou Noa Presas. Xustificou a entrega do escrito ante á fiscalía “como un exercicio de responsabilidade” con todos os demócratas de Ourense e vendo que o partido no que milita a voceira que verteu estas acusacións se atopa inmóbil e “non actúa”.
Carta branca do PP e PSOE de Ourense
Por outra banda, o actual alcalde do concello ourensán, Esteban Suárez, remarcou a inexistencia dun comunicado no rexistro de Castrelo de Miño onde o PSdeG anunciara ou solicitara a expulsión dos dous concelleiros. “Neste momento aínda pertencen ao grupo municipal socialista de Castrelo de Miño o que nos parece indignante dadas as declaracións que fixo o secretario provincial socialista” indicou Suárez.