O BNG pide xustiza para Maite Mouriño no xuizo polo seu despedimento laboral

Maite Mouriño sofreu persecución e seguimento por parte de detectives contratados pola empresa ao ser candidata do BNG ás elecións de maio

Representantes do BNG como Bieito Lobeira, Carme Adán, Ana Miranda e Serafín Otero concentráronse diante dos Xulgados en demenda de xustiza para Maite

O Secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, a cabeza de lista de Nós Candidatura Galega por Pontevedra, Carme Adán, xunto con militantes e representantes do BNG como Ana Miranda ou Serafín Otero, acompañaron esta mañá a Maite Mouriño ao Xulgado do Social en Vigo para amosar a solidariedade de toda a organización pola represión sofrida no seu traballo.

Maite Mouriño foi despedida do seu traballo, onde levaba once anos de excelente actividade profesional en SICSA, despois de que se presentase como candidata do BNG ás pasadas elecións municipais de maio.

Esta mañá tiña lugar o xuizo pola demanda presentada ao conculcar a empresa os seus dereitos fundamentais. Ás portas do Xulgado, militancia e cargos representativos do BNG concentráronse diante do Xulgado para expresar a súa repulsa por unha represión inconcebíbel a estas alturas de século.

“Inadmisíbel nunha sociedade democrática”

Nas súas declaracións aos medios, Bieito Lobeira afirmou que “amosamos a nosa total solidariedade coa compañeira Maite Mouriño, represaliada co despedimento do seu traballo por cometer o “enorme delito” de ser candidata do BNG nas pasadas elecións municipais. Unha traballadora que levaba once anos no seu posto onde nunca tivo problemas, e no momento no que se presenta polo BNG é cando se produce un proceso de persecución e seguimento por parte de detectives contratados pola propia empresa, algo que nos parece totalmente detestábel. Pensamos que non é de recibo que no ano 2015 unha persoa por ser candidata do BNG perde o seu posto de traballo”.

Denunciou que “se trata de algo impensábel nunha sociedade democrática” e lamentou que “os poderes públicos, nomeadamento o Goberno galego que ten competencias en materia laboral, declinasen algún tipo de actuación na defensa dun dereito fundamental”. E censurou a persecución política.

Pola súa parte, a candidata, Carme Adán, que presentou iniciativas parlamentares na Cámara galega sobre o tema, afirmou que “é absolutamente inadmisíbel que se vulnere un dereito fundamental que é o dereito a poder participar na vida política. Maite Mouriño sofreu unha represalia que demostra que aínda estamos nun estado no que se vulneran dereitos básicos. O Goberno galego non fixo nada. Levamos unha pregunta ao Parlamento ao Vicepresidente Rueda”. Puxo de manifesto que estamos aquí para apoiar á nosa compañeira, “orgullosas dela porque é un exemplo”. “Foi un despedimento político e agardamos que se faga xustiza”.