O BNG pide á Xunta que tome medidas para evitar a desaparición de lotes de especies empregados nas investigacións do CIMA
A portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta que tome medidas co fin de evitar a desaparición de lotes de especies do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Vilanova de Arousa que serven de base de distintos traballos investigadores.
Pérez fai referencia ao último lote desaparecido, neste caso de berberecho, dunha batea instalada na ría de Arousa e que formaba parte dunha liña de investigación desenvolvida no marco do programa Croquedous, dirixida a obter información sobre o prexudicial parasito marteilia cochillia, que afecta a esta especie.
Neste sentido subliña que esta desaparición ou roubo “pon fin a máis de dous anos de traballo investigador” e que se ben carece de valor comercial representa “un valor científico enorme”, polo que tamén pide ao Executivo galego que detalle as súas previsións para darlle continuidade á investigación.
A este suceso, a deputada nacionalista suma outros similares acontecidos anteriormente, como a subtracción dunha batea en 2016 duns quilos de berberecho empregados nunha investigación similar, o roubo de vieiras que estaban sometidas a control experimental do CIMA ou o furto de rodaballos nunha piscifactoría que logo puideron ser localizados grazas a que aínda mantiñan o chip localizador.
A portavoz de Pesca critica que ante estes sucesos, “non infrecuentes”, a reacción da Consellería do Mar é sempre a mesma e limítase a “lamentar o ocorrido, denunciar na Garda Civil e solicitar a colaboración cidadá para a clarificación dos feitos”, polo que reclama ao Goberno galego que sexa máis firme e tome medidas para evitar este tipo de feitos. “Estas perdas teñen unhas graves consecuencias para o sector marisqueiro e crean unha gran frustración entre as e os investigadores; a administración competente debe dedicar os seus esforzos para evitalas”, conclúe.