O BNG pide á Xunta a supresión da relixión do currículo escolar
Olalla Rodil denuncia a obrigatoriedade do alumnado que opta por Antropoloxía, Robótica ou Coeducación a elixir Relixión católica para cumprir coa carga horaria obrigatoria
A portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil pediu á Xunta que modifique as cargas horarias das materias de libre configuración e inicie accións para suprimir a materia de Relixión no currículo escolar.
Na súa intervención, na comisión de Educación e Cultura, explicou que a distribución horaria das materias de bacharelato recollida no Decreto 86/2015 estabelece o currículo de secundaria e Bacharelato, xunto coa carga horaria fixada para as materias de libre configuración autonómica que alumnado debe cursar, “dúas materias troncais de opción e mínimo dúas máximo de tres específicas”.
Tendo en conta que a relixión, dixo, ten unha carga horaria dunha hora dentro das materias específicas e que o estudantado debe cursar como mínimo dúas desta modalidade, aquel que opta por Antropoloxía, Robótica ou coeducación, está abocado, en moitos centros galegos, a elixir Relixión católica aínda que o centro teña unha materia de libre configuración dunha hora.
A parlamentaria utilizou o exemplo dun estudante de 1º de BAC que elixe cursar como materia específica, debuxo artístico (3 horas) e Coeducación de libre configuración (2h) pero debe elixir obrigatoriamente Relixión (1h) porque é a única específica dunha hora e non hai outra combinación posible polo que asegurou, “estamos diante dunha situación que conculca os dereitos do alumnado que se ve obrigado a cursar unha materia en contra da súa vontade, unha materia de carácter puramente confesional”.
No curso 2019/2020 que comezará coa oferta da materia Coeducación, esta situación chega a un extremo aínda máis perverso obrigando ao alumnado que quere formarse en perspectiva de xénero e feminismo a cursar a materia de Relixión, “materias asentadas en principios diverxentes e contraditorios entre si”.
Para o BNG o “ensino debe ser galego, público, científico, feminista e laico” e, polo tanto, calquera tipo de confesión relixiosa debe quedar á marxe do ámbito público. A nosa posición é clara e taxativa, afirmou Rodil, “profesar calquera crenza relixiosa é unha cuestión estritamente privada e debe estar fóra das aulas”.
Neste sentido, preguntou que medidas vai adoptar a Xunta para que impedir que esta situación se manteña e se vai iniciar accións para que Relixión.
Trala resposta do director xeral de Educación, Manuel Corredoira, a parlamentaria replicou que a consellería é coñecedora da situación. No ano 2016 a CIG Ensino remitiu unha carta poñendo o acento na obrigatoriedade de cursar Relixión, única opción cunha carga lectiva dunha hora e Xunta, reiterou ten competencias para dotar o ensino de materias de libre configuración doutra carga horaria ou ben “ofertar outra materia especifica dunha hora”.
A parlamentaria reclamou unha reforma para que o estudantado non sexa obrigado a elixir Relixión, como materia específica, como única opción para cumprir a carga horaria obrigatoria.