parlamento galego

BNG pide á Xunta que rectifique e inclúa ao Ateneo de Pontevedra no uso dos locais do edificio administrativo da rúa Benito Corbal

Luís Bará

Luís Bará criticou que  entidade  Red Madre Pontevedra, organización antiabortista e claramente ultraconservadora, acadara a máxima puntuación no reparto

O parlamentario do BNG, Luís Bará formulou unha pregunta ao goberno sobre a decisión de excluír ao Ateneo de Pontevedra no reparto de locais do edificio administrativo de Benito Corbal en Pontevedra e que  criterios primaron  para a adxudicación a entidades como a Red Madre, unha das máis valoradas na adxudicación de local.

Pola súa parte, a Secretaria Xeral Técnica da Xunta, Elena  Muñoz, alegou que os criterios son responsabilidade dunha comisión  de expertos cuxa valoración é aceptada   pola Xunta  e lamentou que o Ateneo de Pontevedra fóra excluído desta valoración.

Na súa intervención, Bará explicou que o pasado 11 de agosto foi publicada no DOG a resolución do 19 de xullo de 2023 pola que se adxudica a autorización de uso, para a ocupación temporal para usos sociais, culturais e sanitarios, dos locais no edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal de Pontevedra.
Na puntuación obtida polos solicitantes logo da valoración feita pola comisión, resulta que o Ateneo de Pontevedra obtivo un total de 51 puntos e resultou excluído no reparto dos 29 locais asignados.

Chama a atención, dixo o deputado,  a exclusión desta  entidade cultural de grande relevancia na cidade   mentres  foron adxudicatarios algúns colectivos que case non teñen  actividade pública ou a desenvolven en momentos puntuais.

Bará criticou que entre os beneficiarios figure a entidade “Red Madre Pontevedra”, unha “organización antiabortista que forma parte do ultraconservador Foro de la Familia” e que foi promovida e protexida en Galiza mediante unha lei, de iniciativa popular, que blinda as súas actividades. No baremo feito público, esta entidade é a 9ª con maior puntuación.

Sexa porque o baremo está orientado a determinado tipo de colectivos, sexa por unha aplicación excesivamente burocratizada do mesmo, a realidade é que “non se entende
que o Ateneo non entre nunha relación de 29 colectivos beneficiarios do reparto”.

O nacionalista indicou que o Ateneo de Pontevedra fixo público un comunicado  denunciando a súa exclusión e criticando “a non axeitada valoración da súa actividade” e engadiu que  á marxe do dereito da entidade a presentar os oportunos recursos contra a resolución, “cómpre que o goberno galego informe dos motivos polos que o Ateneo foi excluído do reparto” volveu a reclamar o deputado.

Luís Bará explicou que, tras analizar  a información do proceso concluíu que “non existiron nin convocatorias nin requisitos nin comisión” e o que si constatamos é “unha interpretación sesgada e errónea para excluír ao Ateneo do reparto” así como beneficiar a outro tipo de entidades próximas a liña ideolóxica do Partido popular.

“Hai 36 solicitudes, 29 locais e resulta que o Ateneo queda fóra entre entidades relixiosas e  outras que nin sequera teñen a súa sede en Pontevedra ou no seu ámbito de influencia”. 

 

Despois de criticar a excesiva puntuación conseguida pola Red Madre fronte ao Ateneo mesmo nos apartados de actividades de Igualdade, o nacionalista preguntou que houbo por parte de Xunta “ignorancia ou mala fe”?

 

Agora, dixo, a Xunta ten a oportunidade rectificar e corrixir a mala interpretacións na lectura da memoria presentada polo Ateneo e corrixilo para que non se produza noutros ámbitos. “Revisen os criterios de valoración e os incumprimentos doutras entidades e actúen porque están a tempo. Rectifiquen e eviten este trato inxusto e discriminatorio ao Ateneo”, concluíu