BNG pide á Xunta que non se poña de perfil e poña en marcha un Plan de choque para sacar ao naval de Vigo e a súa comarca da crise industrial
Na interpelación ao conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, a deputada do BNG, Carmela González urxiu ao goberno a poñer en marcha un Plan “con políticas decididas e valentes” para sacar o naval de Vigo e a súa comarca da grave crise industrial.
A parlamentaria do BNG asegurou que xa non vale “inxectar cartos” sen compromisos de estabilidade porque o sector naval na cidade de Vigo e comarca chegou a acadar preto de 10.000 postos de traballo e na actualidade, a penas supera o milleiro.
A deputada lembrou que Barreras, Vulcano e agora Metalships, os 3 maiores estaleiros da Ría de Vigo está a vivir unha situación é “moi crítica”. Barreras á venda por 1€ e a espera de que apareza un comprador que se faga cargo do estaleiro e das cargas que leva con el.
PEMEX, un engano, unha estafa!
Barreras, explicou a nacionalista, está sen carga de traballo e sen perspectiva de pedidos pero a crise do estaleiro non é consecuencia da pandemia. “Barreras leva 10 anos en crise”, unha crise agravada por PEMEX no ano 2013. Coa chegada desta empresa, Feixóo prometeu 2 floteis, 14 remolcadores, 2 quimiqueiros, buques tanque, unha base loxística en Punta Langosteira e un segundo flotel para a ría de Vigo coa creación de 2.500 postos de traballo. “Un maná” que rematou con 2 floteis, un en Barreras e o outro en Navantia, un maná acompañado dunha “débeda millonaria”. O que se presentou como a salvación do estaleiro, criticou a deputada, resultou ser “un engano, unha estafa e un fracaso” que rematou coa investigación por corrupción de PEMEX e a detención dun directivo. “O presidente Feixóo puxo o maior estaleiro privado do Estado nas mans de corruptos”, recalcou
Por outra parte, a nacionalista tamén se referiu á situación de Vulcano, á espera de que a Autoridade Portuaria de Vigo autorice a utilización da lámina de auga provisionalmente ate que se resolva o concurso para a súa concesión definitiva. No mes de xullo, á iniciativa do BNG, o Parlamento acordou instar á Autoridade Portuaria e aos membros do Consello de Administración do Porto de Vigo a votar a favor desta autorización e a que os novos pregos para a concesión condicionen a súa adxudicación a un proxecto industrial dedicado á construción e/ou reparación naval. A día de hoxe, afirmou, Carmela González, Vulcano continúa agardando por esa autorización provisional para retomar a súa actividade.
A estes dous estaleiros, agora súmaselle Metalship que se atopa sen carga de traballo e sen previsión de nova actividade.
Carmela González afirmou que a situación dos estaleiros vigueses repercute negativamente nas empresas auxiliares e provedores que dependen da carga de traballo de Barreras, San Enrique e Metalships.
Ao seu xuízo, a Xunta segue poñéndose de perfil e buscando fóra “culpables”. Nos últimos días o presidente Feixóo volvía repetir o seu compromiso de ‘seguir acompañando’ a esta industria e reclamáballe ao Goberno do Estado un plan de recuperación para o naval pero o sector “non precisa compañía”, remarcou a deputada do BNG, o sector naval de Vigo e a súa comarca necesita “ políticas que apuntalen o seu futuro” como sector estratéxico para Vigo e Galiza.
Fondos Generation para salvar o sector
Como industria estratéxica para o noso país é preciso que a Xunta de Galiza capitanee un proxecto do que formen parte todos os integrantes do sector (sindicatos, empresarios, patronal, ...), así como as Universidades e o Goberno do Estado. “Convoquen a Mesa do Naval para marcar o rumbo que leve ao sector naval galego aos primeiros postos do mercado mundial e poida competir en igualdade de condicións”. Utilicen os Fondos Next Generation para salvar o sector naval galego.
En resposta ao conselleiro que solicitou a axuda do BNG para salvar o naval vigués, a parlamentaria trasladou o compromiso desta forza política nesa liña pero considerou que o Plan de choque corresponde á Xunta de Galiza e preguntou a Conde a que están agardando para presentar este proxecto.