BNG pide á Xunta que compense con axudas aos xatos das explotacións extensivas excluídos das subvencións estatais
Rivas critica a “mediocre” xestión do Goberno do PP que prexudica as explotacións gandeiras de pequeno e mediano tamaño en Galiza
Lembra que o Bloque acadou no Parlamento un acordo reclamando ao goberno central que corrixa a discriminación aos produtores galegos
O BNG propuxo no Parlamento que a Xunta compense con axudas propias ós gandeiros con explotacións de xatos en extensivo, agora excluídos das subvencións habilitadas polo Goberno do Estado por mor da guerra de Ucraína.
Neste sentido, o portavoz nacionalista de Agricultura e Gandaría, Xosé Luis Rivas, pediu mudar a orde de axudas do Executivo galego para apoiar a un sector gandeiro que a día de hoxe está prexudicado no reparto de fondos europeo, estatal e mesmo autonómicos, “que castiga un modelo de gandería extensiva e, por tanto, ás pequenas e medianas explotacións gandeiras de corte familiar”.
Rivas salientou que o goberno do PP “empéñase na idea de que é preciso acabar con estas explotacións familiares porque, segundo os promotores da gandaría extensiva, non teñen futuro”. Por contra, o BNG defendeu un pago adicional por becerro sacrificado, para compensar así o incremento dos custes pola guerra de Ucraína. De feito, lembra que o Bloque acadou a semana pasada un acordo do Parlamento galego para demandar ao Estado que inclúa nas subvencións aos becerros de vacún da explotacións extensivas tradicionais.
No actual reparto de fondos prímase ás granxas intensivas en detrimento das explotacións galegas de tamaño pequeno ou mediano e que, salientou o deputado, “cobran por vaca nutriz e non por xato”, o que penaliza ás granxas orientadas a unha produción cárnica mixta, na que se combina a cría de becerros co mantemento das vacas nutrices na granxa, ao revés do que acontece no modelo industrializado intensivo dos cebadeiros.
Esta discriminación xa foi denunciada polo BNG, esixindo ao Ministerio de Agricultura a corrección do artigo 3 do RD 428/2022 para, deste xeito, incluír tamén nas axudas un modelo máis respectuoso co ecosistema e o benestar social e económico nun sector, o cárnico, que Galiza representa o 11% da produción de carne de vacún do Estado.
Rivas criticou a xestión “mediocre” da Consellería de Medio Rural que “non aplicou a posibilidade de fixar un mínimo subvencionable” e que deixa fóra “a moitas granxas mixtas do país”. Ademais, denunciou a deficiente elaboración das listas de beneficiarios das axudas por parte da consellería, “listaxes onde se detectan continuos erros”. Igualmente, propuxo incluír como beneficiarios aos produtores do conxunto do sector avícola, e non só os de explotacións intensivas.
O deputado do Bloque destacou as virtudes do modelo mixto propio das pequenas e medianas explotacións galegas que proporcionan “un valor engadido no mantemento das superficies agrarias, nomeadamente nas zonas de montaña”. Ademais, o BNG defende que se inclúa no futuro reparto de axudas da PAC os pastos arbustivos e baixo arboredo, un tipo de pastos que favorecen o aproveitamento do monte.