BNG pide á Xunta que abandone os terreos públicos ocupados de “maneira ilegal” na Xunqueira do Alba
O deputado do BNG, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre as previsión da Xunta para abandonar os terreos públicos “ocupados de maneira ilegal” na Xunqueira do Alba, no concello de Pontevedra.
Pola súa parte, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez Iglesias, amosou a disposición da Xunta a solicitude sempre que o Concello de Pontevedra presente unha proposta e financie o traslado.
O parlamentario nacionalista replicou que a Xunta segue “botando balóns fóra” e lembrou que as emendas aos orzamentos presentadas polo BNG incluía unha para rebaixar en 500 mil euros a partida de infraestruturas de melloras de accesibilidade e utilizar estes fondos “no traslado dos equipamentos da Xunta nos terreos públicos” da Xunqueira de Alba. O PP, reprochou o deputado, “votou en contra da emenda do BNG” que posibilitaría ese traslado.
O deputado insistiu en que os terreos son de “dominio público marítimo e terrestre” e mostrou unha resposta do goberno afirmando que na Xunqueira de Alba “non existe ningunha concesión vixente”, polo tanto, dixo, “vostedes son infractores e ocupas” por ocupar terreos de “dominio público” dende o ano 2018”.
A administración pública galega non pode negar que está nunha “situación irregular e de ocupa”, nunha concesión caducada, reiterou.
Por outra parte, considerou que o espazo “está degradado” e urxe a súa rexeneración ambiental. Para o deputado, non existe ningunha escusa para o traslado e lembrou que a Consellería de Medio Ambiente acada de redactar a Estratexia de Infraestrutura Verde que declara “prioritario” este espazo polo seu carácter de humidal que debe ser rexenerado.
A xuízo do deputado, a Axencia Galega de Infraestruturas persiste no error e continúa “facendo trampas” porque a Consellaría de Medio Rural ten
tamén unha edificación de talleres e base de bombeiros forestais, que segundo información ofrecida polo Director Xeral de Defensa do Monte en sede parlamentar van ser substituídos por ubicacións alternativas previstas en Botos (Lalín) e no Campiño (Pontevedra), e este traslado será “asumido por Medio Rural porque nin o equipamento nin os terreos son propiedade do concello”.
O parlamentario lamentou que por parte da Axencia Galega de Infraestruturas non exista un “compromiso real” para deixar libres os espazos públicos ocupados e perder a oportunidade de “cumprir” a lei respectando estes espazos de dominio público e destinalos a gañar un gran espazo verde e de lecer.
Asemade, Bará lembrou que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo un ambicioso proxecto de rexeneración ambiental do espazo ocupado polo parque de maquinaria e da imprenta provincial, con un investimento de máis de 3,6 millóns de euros, pero “nada se sabe das previsións, prazos e investimentos da Xunta para deixar libres os espazos do ENIL e levar a cabo a demolición das edificacións para rexenerar o espazo”.
Bará propuxo que a Xunta negocie co concello de Pontevedra para buscar terreos alternativos adecuados como “un parque empresarial” e lembrou que o propio alcalde de Pontevedra propuxo ao Presidente da Xunta “traballar na recuperación da zona”, cun proxecto e partida económica nos orzamentos do ano 2023. Coa tramitación dos orzamentos galegos, dixo o nacionalista, estamos, “ante unha grande oportunidade para comezar a cumprir a lei, para respectar o dominio público marítimo terrestre e para gañar un gran espazo verde e de lecer nun ámbito que a Estratexia Galega de Infraestrutura Verde considera de interese prioritario.