O BNG pide á Xunta un plan de choque para evitar o efecto dominó no peche de empresas electrointensivas
Noa Presas: “ALCOA ten un plan oculto para eliminar competencia e tanto o Goberno do Estado como a Xunta estanlle comprando esa estratexia”
O BNG lanza a voz de alarma ante o “inverno industrial” que ameaza Galiza co anuncio de peche de factorías e a perda de centos de empregos no sector, e propón un plan de choque para evitar un efecto dominó no peche de fábricas e de paradas na produción de empresas electrointensivas.
Unha situación que atribúe á falta de política industrial e enerxética propias por parte dunha Xunta que leva dez anos “desistindo das súas funcións de goberno levándonos a esta situación de reconversión”, indicou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas. “O balance en termos industriais da década Feixóo é nefasto porque estamos ante unha reconversión consecuencia da falta de política industrial e enerxética, conclúe.
Meirama, ALCOA, Ferroatlántica, Isowat, Vulcano son algúns dos exemplos de empresas afectadas por un modelo de “espolio colonial” dos recursos do país. Presas insta ao Goberno de Feixóo a abandonar “a técnica da avestruz” e avanza que o Bloque presentará no Parlamento unha batería de medidas que actúen como plan de choque con medidas específicas para as empresas afectadas e tres liñas de traballo: tarifa eléctrica galega, participación pública e un modelo enerxético galego propio.
No caso concreto de ALCOA, o BNG pide a PP e PSOE levantar o veto a intervención, única vía para garantir produción e emprego e buscar, desde a SEPI como instrumento público, un novo comprador que dea futuro á factoría.
Neste sentido, Presas trasladou a preocupación do Bloque ante un preacordo que deixa o emprego na picota, que prevé paralizar o corazón da produción –o proceso de electrólise-, dificultando a venda da fábrica, un preacordo que só favorece á estratexia da multinacional a que se están pregando Xunta e Estado.
“Falta vontade política e estamos nun momento moi delicado porque se realmente hai un parón do sistema técnico produtivo da factoría, moi complexo tecnicamente, vai ser imposible que outro comprador asuma esa empresa porque lle costaría case tanto diñeiro como se a fixera de cero”, explica Presas, “realmente vemos unha axenda oculta na que ALCOA ten decidido que non quere ter competidores e tanto o Goberno central como a Xunta estanlle comprando esa estratexia”.
Por iso, o BNG critica “o conformismo” de PP e PSOE “asumindo os desexos da multinacional” cun preacordo que considera “un mal punto de partida”. “Non é o papel que debe xogar un Goberno”, alega Presas.
Fotos e mentiras de Feixóo
Igualmente, o anunciado peche da central térmica de Meirama sen un plan B é responsabilidade de Naturgy pero tamén dun Feixóo “que na campaña electoral de 2016 se sacaba fotos cos directivos da eléctrica prometendo os investimentos necesarios para adaptar a térmica á normativa ambiental e hoxe confirma que mentiu aos galegos e as galegas”.
Unhas esixencias ambientais da UE coñecidas desde hai anos, sen que o PP movese un dedo para facelas cumprir, nin planificou un novo modelo enerxético alternativo a materias finitas coma o carbón ou o gas.
Neste contexto, o Bloque formula tres propostas no inmediato: demandar a Naturgy adaptarse á normativa en lugar de aceptar 80 millóns de euros dunha empresa que obtivo 800 millóns de euros de beneficio neto, garantir que Xunta e traballadores teñan voz directa nas negociacións e planificar un modelo propio para pechar o carbón de xeito organizado