O BNG pide á Xunta que non se limite a mandar unha carta a Madrid e se implique no futuro das Pontes
Por iso, na comisión parlamentaria de Industria, a deputada Montse Prado, recriminou ao Executivo de Feixóo a súa falta de iniciativa ante unha cuestión na que se xoga o futuro dunha comarca.
“Están escenificando o seu desencontro co Goberno do Estado, porque estamos ante un exemplo de libro de saqueo no que unha empresa saca diñeiro a esgalla de Galiza durante 40 anos e que agora está nunha fase de colle os cartos e bota a correr deixando tirados aos traballadores directos, do transporte e das auxiliares e a Xunta fala dunha folla de ruta consensuada que consiste en mandar unha carta para cumprir o expediente para facer que se fai”, denunciou Prado.
Por contra, demandou, “o que debe facer a Xunta non é mandar unha carta, senón implicarse ante o Goberno do Estado”, ao tempo que se preguntaba “onde están os deputados e deputadas do PP en Madrid mobilizándose nunha ofensiva en defensa do emprego en ENDESA?”.
A formación nacionalista propón constituír “un grupo de traballo de ámbito galego para a transición enerxética para avanzar nun modelo enerxético propio, pero o PP prefire seguir mendigando en Madrid que lle deixen facer en vez de ter capacidade de decisión porque así é moito máis fácil botarlle a culpa a outros en lugar de exercer como un auténtico goberno para que Galiza teña un modelo enerxético propio que evite esta situación”, salientou a portavoz parlamentaria de Industria.
“O que sería desexable é que o Executivo galego liderase unha iniciativa e non limitarse a mandar cartas esperando a ver se lle contestan”, reiterou, pois urxe unha solución que free a destrución de emprego no sector industrial afectado por un marco normativo que PP e PSOE aprobaron, sector no que desde que Feixóo chegou á Presidencia perdeu preto de 30.000 postos de traballo.
Prado non evitou tampouco facer mención á responsabilidade do Goberno do Estado, “que está contribuíndo a situación de crise”, ademais de esixir ao Goberno do PP que se poña as pilas e vaia máis aló de envíos epistolares, pois até agora non foi capaz de lograr nin a reunión coa dirección de ENDESA tal como reclaman os e as traballadoras para coñecer de primeira man os plans da multinacional, concluíu.