O BNG pide á Xunta que non inclúa actividades de Educación Ambiental no novo decreto de Turismo activo
Critica que non recolla as alegacións das empresas do sector e ir a “rebufo” das modificacións do estado de alarma
Reclama a especificidade do Turismo activo con prácticas deportivas e de esforzo físico fronte ás de Educación Ambiental
A deputada do BNG, Montse Prado xunto á membro da Executiva nacional, Noa Presas, mantiveron un encontro telemático con representantes de empresas do sector da Educación Ambiental co fin de avaliar o novo decreto de Turismo activo.
Tras recoller as demandas do sector, as nacionalistas reclamaron á Xunta “non incluír actividades de Educación Ambiental no novo decreto” e diferenciar a Educación ambiental das prácticas que comporten risco, destreza ou esforzo físico. Por outra banda, engaden, o decreto, tampouco recolle as alegacións das empresas dedicadas as estas prácticas nin atende a especificidade das mesmas.
O BNG lembra que o novo decreto foi un compromiso do Goberno galego para finais do ano 2019 pero foi a semana pasada cando o Presidente da Xunta anunciaba o novo decreto de turismo activo “a rebufo” das modificacións do estado de alarma.
O BNG considera que a actividade das empresas e colectivos de Educación Ambiental debe ter unha regulación específica non vinculada ao turismo activo e alerta dos riscos de intromisión profesional e de inseguridade xurídica. Lembra que as actividades desenvolvidas teñen unha especificidade que precisan de persoal formado no ámbito da Educación Ambiental e a aínda que o Turismo Activo ten como referencia as actividades deportivas e de esforzo físico na natureza, o criterio é demasiado laxo e amplo posibilitando que estas actividades poidan ser desenvoltas por persoal sen as competencias suficientes e xerando inseguridade xurídica para empresas e profesionais que as veñen desenvolvendo desde hai tempo.
O BNG pide que sexan atendidas as consideracións e especificidades do colectivo da Educación Ambiental en Galiza para que se defina claramente o apartado de sendeirismo deixando ao marxe aquelas rutas que se desenvolven atendendo a outros obxectivos como coñecemento do medio, conservación dos espazos naturais, concienciación ambiental, educación e divulgación ambiental diferenciándoas das actividades deportivas e de aventura propias do Turismo Activo.
O BNG pide excluír do decreto do Turismo activo:
- Programas de Educación Ambiental e Interpretación da Natureza desenvolvidas polas administracións públicas e entidades e centros de educación ambiental.
- Actividades de Ocio Educativo no Tempo libre para a Xuventude.
- Actividades de Voluntariado Ambiental.
- Actividades de Achegamento á Natureza dirixidos a Familias e Grupos en Espazos Naturais.
- Actividades de coñecemento e observación da natureza para persoas maiores.