O BNG pide a Xunta que non se escude detrás da COVID19 e que manteña as axudas posdoutorais para este ano 2020
O BNG reclamou hoxe ao Goberno galego no Parlamento o mantemento das axudas posdoutorais para este ano 2020, logo de que a Xunta decidira suspender a súa convocatoria argumentando que a situación sanitaria actual impide desenvolver a estadía no estranxeiro do persoal investigador durante a súa etapa formativa (modalidade A das axudas).
O Bloque cualificou esta posición de “escusa”, dado que convocatorias similares doutras administracións, como as Mari-Curie da Comisión Europea ou as Podoc Berri do Goberno vasco, e que tamén inclúen mobilidade, si foron convocadas.
Nunha proposición non de lei presentada ante a Comisión 4ª do Parlamento galego e que foi rexeitada polo veto do PP, o portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, indicou que sería comprensíbel que a pandemia puidese demorar a convocatoria, “pero o que non pode é usarse a COVID-19 como escusa para deixar un ano en branco e non convocar –igual que aconteceu en 2015– a orde de axudas”.
A decisión da Xunta, segundo explicou Lourenzo, prexudica en primeiro lugar ao persoal investigador que queda no paro a partir do 31 de decembro sen posibilidade de dar continuidade á súa formación e aos seus proxectos de investigación e, en segundo lugar, a quen rematou a tese e quería concorrer á convocatoria, a única que hai no país. O Bloque considera que, lonxe de non convocar, o Goberno galego debería incrementar o investimento e o número de prazas e redeseñar a convocatoria para que de verdade sexa unha aposta decidida e estratéxica pola I+D+i.
Neste sentido, o portavoz parlamentario de Educación recordou que o investimento no conxunto do sistema de I+D+i sobre o PIB xa é moitísimo máis baixo que noutros lugares do Estado ou fóra del (un “pírrico 0,94% fronte ao 1,24% estatal, o 2% da UE ou o 3% de Alemaña) e que as condicións desta convocatoria en concreto expulsan persoal investigador, logo de investir na súa formación. Engádese a todo isto que non hai a día de hoxe programa galego de consolidación e que se depende en exclusiva dos programas do Estado español e da UE polo que “o mínimo é garantir a convocatoria de 2020 porque sae perdendo o persoal investigador, pero sobre todo sae perdendo Galiza”, concluíu Lourenzo.