O BNG pide a Xunta que negocie co persoal do servizo 061 e non repita os mesmos erros que co 112
Montse Prado considera xustas as demandas dos e das traballadoras que piden ser compensados polo traslado desde Compostela á Estrada
O persoal asegura que a atención das urxencias e das emerxencias está totalmente garantida en tempo e forma pese ás mobilizacións
O BNG trasladou todo o seu apoio aos 192 traballadores e traballadoras do servizo de urxencias 061 que desde este 1 de agosto inician unha serie de paros e mobilizacións, ante a cerrazón da Xunta para negociar medidas que compensen o deterioro das súas condicións laborais. Un deterioro que ocasionará a decisión do Goberno galego de trasladar o servizo desde Santiago ao concello da Estrada.
Só en desprazamentos, os representantes do cadro de persoal que hoxe mantiveron un encontro coa portavoz de Sanidade Montse Prado, explicaron que supón unha media de 14.000 quilómetros anuais cun custe mínimo de 3.000 euros, que sairían dos petos dos e das traballadoras, ademais do tempo de desprazamento que demandan sexa computado como tempo laboral, como se fai en moitas empresas.
Conciliación familiar, problemas de vivenda, traslados e busca de colexios son outras das cuestión que se verían afectadas.
“Reclamamos á Xunta que negocie cos e coas traballadoras, que abandone a súa prepotencia e que escoite as demandas xustas e razoables do cadro de persoal do 061, que non se enroque e que demostre que aprenderon algo non volvendo cometer os mesmo erros que cando se produciu o traslado do servizo 112 que motivou unha folga de 83 días”, salientou Prado.
A deputada, quen avanzou que o Bloque presentará unha batería de iniciativas parlamentarias en relación a este asunto, insistiu en reclamar da Xunta e do Sergas “que non repitan a actitude mantida co servizo do 112”, ao tempo que lembrou que se trata dun servizo fundamental para a cidadanía como é o das urxencias sanitarias “e polo tanto da saúde e da vida das persoas”.
Neste sentido, Prado subliñou a “profesionalidade” dos traballadores e das traballadoras do servizo 061 que na comparecencia ante os medios de comunicación mandaron unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía, ao asegurar que a atención das urxencias e das emerxencias está garantida en tempo e forma, aínda que outros servizos que presta o 061 si se verán afectados.
A portavoz nacionalista de Sanidade criticou “a irresponsabilidade da Xunta e do SERGAS polo seu inmobilismo e a súa estratexia de dilación ante unha táboa de peticións xusta e razoable que ten non seu poder desde maio de 2017 sen que fixeran nada por atender as demandas do cadro de persoal. Son cuestións básicas que afectan a súa vida e que deben ser atendidas”, concluíu.