O BNG pide á Xunta que medie para resolver o conflito laboral do persoal de helicópteros de salvamento marítimo e loita contra incendios
Monte Prado amosa o apoio do BNG ao persoal en folga contra a decisión da empresa Babcok MCS de aplicar recortes salariais nun servizo xa precarizado
A deputada do BNG, Montse Prado demandará no Parlamento galego, a través dunha proposición non de lei, a implicación da Xunta para solucionar o conflito laboral da empresa Babcock MCS, concesionaria do servizo de helicópteros para labores de salvamento marítimo e loita contra os incendios.
A parlamentaria do BNG, lembra que o persoal da principal concesionaria do servizo de helicópteros, Babcock MCS forma parte da compañía británica Babcock Internacional Group, antiga INAER, permanece en folga dende o venres 17 de maio , con calendario de paros ao longo do resto do mes de convocatorias para os meses de xuño e xullo en resposta á intención da empresa de modificar as condicións laborais con recortes salariais entre un 13 e un 30%, a pesares de ter anunciado beneficios millonarios.
Os traballadores e traballadoras anunciaron que non aceptarían esta redución sobre un servizo que leva soportado “recortes do cadro de persoal en talleres e tripulacións, falta de stock en pezas de reposto e a eliminación de gran parte dos dereitos adquiridos”.
A nacionalista explica que a Consellería do Mar ten subscrito coa empresa Babcock Mission Critical Services España, SAU. un contrato administrativo de servizos de operación e mantemento de dous helicópteros para o servizo de salvamento marítimo de Galicia desde o 31 de outubro de 2017. Ao mesmo tempo a compañía tamén vén prestando os seus servizos á Consellería do Medio Rural a través dos contratos de servizo integrado de helicópteros e brigadas con destino á prevención e defensa contra incendios forestais co servizo integrado dun helicóptero así como técnicos coordinadores con destino á prevención, vixilancia e coordinación de medios aéreos de defensa contra incendios forestais.
A deputada do BNG advirte que a situación denunciada pode repercutir directamente na seguridade das operacións e na calidade do servizo, o que debe ser, na súa opinión, obxecto de preocupación da Xunta de Galiza sobre todo, en un momento de especial risco de incendios.
Na actualidade, engade Prado, o colectivo de rescatadores, técnicos de mantemento, pilotos e operadores de medios tecnolóxicos manteñen a convocatoria de paros de 24 horas para os días, 3,4,5,6,10,11,12,13,17,18,19,25,26 e 27 de xuño e 1,2,3 e 4 de xullo que se sumarán aos paros realizados durante o mes de maio polo que reclama “responsabilidade política” á Xunta e que medie nun conflito laboral provocado pola decisión “inxustificada” da empresa na que traballadores e traballadoras desempeñan un labor fundamental para garantir a seguridade das persoas, a través de salvamento marítimo e prevención e defensa contra os incendios forestais.