O BNG pide a Xunta que medie no conflito laboral de FRIGOLOURO

A deputada do BNG, Montse Prado preguntou ao goberno que medidas vai impulsar para resolver a situación dos traballadores e traballadoras da empresa SERVICARNE que presta servizos para FRIGOLOURO do grupo COREN. Pola súa parte, a secretaria xeral de Emprego responde que "hai que esperar"

 A parlamentaria do BNG, Montse Prado explicou que a empresa FRIGOLOURO instalada en Porriño leva anos contratando á empresa SERVICARNE o servizo de traballadores para realizar a maior parte da súa produción e FRIGOLOURO cambia deste xeito “traballadores/as de plantilla por autónomos cooperativistas”.

No debate da pregunta parlamentaria formulada na comisión de Política social e Emprego, Montse Prado explicou que s traballadores e traballadoras de SERVICARNE denuncian xornadas laborais “que saben cando empezan pero non cando rematan, tempos de descanso non remunerado, e salarios e condicións de traballo denigrantes”. Asemade, dixo a nacionalista, os “falsos autónomos” cobran en función do que producen e descoñecen o que percibirán polo seu traballo xa eu os criterios económicos da empresa varía entre os 600 e 900 euros, por 12 ou 14 horas de traballo.

A parlamentaria preguntou que medidas impulsará a Xunta para resolver o conflito laboral denunciado polos traballadores e traballadoras en folga indefinida dende o 17 de marzo ante as condicións laborais “indignas”: cun ritmo de produción en aumento constante e a ausencia de horarios e salarios.

A deputada lembrou que FRIGOLOURO contaba con 600 traballadores e traballadoras dende o ano 1999 pero procedeu a contratar con SERVICARNE parte da súa produción que non é outra cousa dixo, que “unha cesión ilegal de traballadores e traballadoras” sen outra alternativa que asociarse á cooperativa. FRIGOLOURO xa non contrata persoal propio, só “falso autónomo, ou autónomo independente”, recalcou.

No ano 99 eran 40 cooperativistas e na actualidade son 224, o cadro de COREN pasou de de 600 traballador@s a 360 e os salarios dos cooperativistas son moi inferiores e con condicións laborais “denigrantes” polo que volveu preguntar que vai facer a Xunta ante esta situación.

A Xunta responde ao BNG que hai que esperar

Pola súa parte, a secretaria xeral de Emprego , Covadonga Toca Carús respondeu á deputada que “hai competencias xudiciais” que nos obrigan a “esperar”. As demandas interpostas responden á “cesión ilegal de traballadores/as” e a denuncia por “servizos falsos” atopase en investigación no Ministerio de Traballo e Seguridade social polo que debemos tamén “esperar”

Na réplica, a parlamentaria afirmou que “os traballadores e traballadoras non poden esperar”. Resulta moi difícil, dixo, escoitar como son “penalizados e tratados” e vostede segue repetindo que temos que esperar. Non coñecemos ningunha actuación da Xunta para resolver o conflito, a pesar de que levan meses mobilizándose.

Por outra parte, vostede acaba de dicirnos que a empresa recibiu axudas públicas pero non deu tampouco a contía, concluíu a nacionalista.