O BNG pide á Xunta manter un servizo sanitario coa dotación necesaria no Aeroporto de Lavacolla
A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG, Noa Presas instou á Xunta a reclamar a AENA manter un servizo sanitario público e dotado para a atención sanitaria no aeroporto de Lavacolla.
A nacionalista explicou que o Aeroporto de Santiago é unha infraestrutura de transporte de interese xeral e polo tanto de competencia estatal pero na súa actividade diaria está relacionado directamente con moitos aspectos de competencia galega, unha delas, a sanidade.
A nacionalista afirmou que un aeroporto destas características debe contar coa prestación sanitaria necesaria e sobre todo en circuntancias de gran afluencia de viaxeiros e viaxeros como vai acontecer durante a celebración do Xacobeo.
Noa Presas afirmou que a estratexia privatizadora de AENA e os seus servizos trae consecuencias negativas para o desenvolvemento das actividades do aeroporto de Santiago de Compostela, tamén no ámbito da garantía da saúde e alertou que “a intención de AENA é limitar a asistencia médica aos aeroportos que moven 4 millóns de pasaxeiros”. Neste sentido, lembrou que Galiza non chegou a esa cifra, nin vai chegar inmediatamente, pero está claro que ten unha tendencia de aumento e a desatención deste servizo, afirmou a nacionalista “tería consecuencias negativas para as persoas usuarias e traballadoras de Lavacolla”.
Para a deputada, a Xunta “debe implicarse e garantir servizo sanitario no aeroporto como servizo público que cubra as 24 horas de apertura polo que volveu a preguntar que medidas vai tomar o goberno ante os recortes do servizo sanitario do Aeroporto de Santiago de Compostela por parte do goberno central.
A maiores, tamén se interesou por saber en cantas ocasións foi avisado o servizo do 061 para atender a persoas na terminal e zonas de chegadas durante os anos 2014 e 2017. Porqué non foi convocada ningunha praza de ATS para Santiago de Compostela e si o goberno iniciou algún trámite co goberno central para demandar a cobertura do servizo sanitario en mellores condicións.
Finalmente, advertiu que o servizo sanitario do Aeroporto de Lavacolla deb contar coa dotación necesaria para estar preparado ante o posible aumento de viaxeiros e viaxeiras por mor do Xacobeo.