O BNG pide á Xunta que interveña para evitar que Galiza pague a factura da luz máis cara do Estado
O BNG denuncia que o BOE publica hoxe a Orde TEC/271/2019 que estabelece os suplementos territoriais en Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Estremadura, Galiza, Madrid, Murcia e Navarra en relación ás peaxes de acceso de enerxía eléctrica do exercicio 2013, e establece o procedemento de liquidación dos suplementos territoriais.
“Isto é resultado do fracaso das políticas de PP e PSOE no Estado cunha política enerxética centralista e que penaliza as comunidades produtoras. Despois de anos de denuncias das eléctricas e de pasotismo de Feixóo, o Goberno central vén de emitir esta orde deixando para Galiza un tarifazo da luz”, salientou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas.
A deputada cualifica de “atraco a man armada” esta orde que, ademais, confirma “a mentira” de que o Estado ten unha tarifa eléctrica única “porque os galegos e as galegas imos pagar, grazas ao PP, a factura máis alta de todo o Estado”, denuncia, mesmo por riba do que pagan as persoas residentes nas Illas Baleares e Canarias, “ás que pagamos solidariamente os altísimos custos de produción e transporte da enerxía eléctrica”.
En definitiva, Galiza é produtora neta de enerxía pero, lonxe de beneficiarse desa riqueza propia, hai 2.000 empregos industriais ameazados de peche no sector industrial polos custes enerxéticos e os consumidores deste país van pagar a factura de luz máis cara de todo o Estado, tras a aplicación da orde que hoxe publica o BOE.
“Pedimos á Xunta que faga valer o acordo impulsado polo BNG o 22 de novembro de 2018 e manter unha posición de país para esixir ao Estado que asuma a contía destes suplementos territoriais vía orzamentos”, demandou Presas.