O BNG pide á Xunta que inclúa Madrid como territorio de alta incidencia da COVID19 por ser a orixe de moitos contaxios importados
O BNG traslada a súa preocupación polos continuados rebrotes de coronavirus que se están coñecemento en toda Galiza e considera que a Xunta non está actuando coa necesaria dilixencia e seriedade, e mesmo algunhas das medidas adoptadas parecen máis pensadas para conseguir un titular de prensa que en base a súa eficacia para evitar e controlar novos casos da COVID19.
Como por exemplo, a decisión de impoñer como obrigatorio facilitar os datos de contacto a todas as persoas que proceden dun territorio considerado de alta incidencia do virus, un listado de comunidades autónomas e de países que, a xuízo da portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, “non responde a criterios de racionalidade”.
Neste sentido, a formación nacionalista non encontra explicación a que un país como Portugal figure no listado de lugares desde onde as persoas que cheguen a Galiza deben dar o seus datos persoais e de contacto mentres que, por contra, Madrid non figura nesa relación “pese a ser un territorio do que proceden moitos do casos de contaxio importados” e, polo tanto, o Bloque solicita que figure na lista de territorios cuxos visitantes ao noso país teñen que aportar os seus datos para o rexistro creado a tal fin.
Do mesmo xeito, para o Bloque non ten lóxica que tendo en conta que a pandemia no norte de Portugal está baixo control segundo as ratios que presenta, “a Xunta obrigue aos traballadores e ás traballadoras transfronteirizas a ter que facilitar información e datos de contactos para ser incluídos no rexistro habilitado para tal función” e pide que sexan excluídos de tal obriga.
Prado tamén considera necesario que o Goberno galego explique que protocolo e que tratamento vai dar aos datos recollidos, que tipo de seguimento se lle vai facer as persoas que queden neste rexistro e por parte de quen.