O BNG pide á Xunta que se implique para salvagardar os dereitos laborais do persoal externalizado do 061
A deputada Montse Prado mantivo un encontro con representantes do persoal externalizado do 061, -en mans da empresa Grupo Norte-, que ten entre as súas funcións a atención telefónica de todas as chamadas deste servizo de urxencias.
O cadro de persoal está formado por arredor de 100 traballadores e traballadoras que xestionan por exemplo as urxencias extra hospitalarias, a interlocución entre as persoas demandantes e o 061. Son tamén os responsables da atención telefónica, solicitar datos, clasificación e traspaso de chamadas ou mobilizar os recursos materiais e humanos necesarios figuran tamén entre as responsabilidades dun persoal clave para que o servizo funcione.
Pese a iso, os e as traballadoras están soportando unha mingua continúa dos seus dereitos laborais e unha precarización constante que levou ao comité de empresa a convocar unha folga parcial para o próximo 6 de xaneiro, neste caso debido a novos atrasos no cobro de salarios e impagos de complementos, segundo trasladaron á deputada Montse Prado.
“Segundo nos explican, os problemas no cobro das nóminas comezaron ao pouco de anunciar a empresa Grupo Norte a súa intención de non continuar co servizo que presta en situación de prórroga forzosa mentres non se resolva o novo concurso”, explica Prado, “e a empresa tamén comunicou a intención de aplicar unha modificación substancial das condicións laborais, como a supresión do plus de destino en compensación polo traslado do centro de traballo desde Santiago de Compostela ao concello da Estrada”.
Grupo Norte, “seguindo a liña habitual de ameazas e coaccións”, advertiu que se a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 non lle abonaba a débeda existente, non estaría en disposición de afrontar o pagamento das nóminas a case un cento de empregados e empregadas.
Prado salienta que o 061 é “un servizo esencial para a coordinación das urxencias sanitarias extra hospitalarias de Galiza, polo que se fai preciso que a Xunta abandone a posición de inacción e se implique actuando para rematar esta situación de inestabilidade e incerteza para o persoal, empezando por obrigar á empresa a sentarse a negociar cos traballadores e traballadoras”.
A deputada nacionalista considera que non se trata dun “problema interno” entre Grupo Norte e o seu cadro de persoal senón que estamos ante un servizo público de enorme importancia “que se paga cos impostos dos e das galegas, un servizo que atende situacións nas que está en xogo a vida das persoas, razón pola que a Xunta ten que implicarse”.
Unha implicación do Executivo que debe ter como fin garantir os dereitos laborais empezando polo cobro da totalidade do salario e o mantemento do complemento de destino por ter que desprazarse.
De cara ao futuro concurso de adxudicación do 061 “é preciso que contemple orzamento suficiente para unha correcta dimensión do cadro de persoal, evitando adxudicacións á baixa que traen como consecuencia unha presión sobre as condicións laborais do persoal como as que agora se denuncian e que afecta tamén a un deterioro do servizo”.
O BNG apoia a petición dos e das traballadoras de abrir unha mesa de negociación estábel e eficaz que permita dar solucións ás cuestións laborais pendentes dende hai meses.