O BNG pide a Xunta que faga valer ante Villar Mir as concesións do Xallas para que retire o ERTE
Presas pide ao Goberno que elabora un informe xurídico para reverter as concesións se Ferroatlántica persiste na deslocalización encuberta recortando produción e emprego
Galiza exporta toneladas de enerxía pero ten na picota 2.000 empregos directos polo elevado custe enerxético. A resposta do Goberno central, antes co PP e agora co PSOE, foi aplicar unha normativa pola que este país pasa a pagar a factura da luz máis cara do Estado, -“unha tarifa eléctrica galega pero ao revés grazas ao PP-”, ironizou a portavoz de Industria, Noa Presas-, e dar largas a un estatuto eléctrico que podería salvar miles de empregos en empresas electrointensivas.
O caso de Ferroatlántica é especialmente grave posto que a multinacional de Villar Mir está aplicando un ERTE pese a recibir inxentes cantidades de recursos públicos a través da explotación das presas hidroeléctricas dos ríos Grande e Xallas, ao que se engade a explotación da mina de Serrabal.
Por iso, o BNG reclamoulle á Xunta no Parlamento que actúe utilizando estas concesións públicas para evitar un ERTE inxustificado, que se prolonga até febreiro de 2021 e encobre unha operación de deslocalización.
“Esas concesións de recursos galegos danlle marxe de manobra ao Goberno para impedir que continúe costa abaixo e sen freos unha explotación neocolonial que está a destruír emprego e capacidade produtiva. E por iso, demandamos que actúen diante dunha regulación de emprego inxustificada que supón unha deslocalización encuberta de manual”, denunciou Presas na súa interpelación ao conselleiro de Industria.
As amezas da multinacional contra os centros produtivos en Galiza, -Sabón, Cee e Dumbría-, sobre todo despois de impedir que fixera caixa coas explotacións hidroeléctricas, culminaron na parada de dous fornos 13 e 14 no centro de Brens coa conseguinte perda de postos de traballo, ao que se suma a supresión do forno 11.
Pese a contar coa vantaxe destas concesións, a multinacional culpa á poxa de interrompibilidade, “pero a poxa é para seis meses, non para dous anos, ao que se engade os bos resultados económicos de 2018 e, desde logo, a súa vinculación cos saltos dos ríos Grande e Xallas que converten Ferroatlántica nunha das beneficiarias dos elevados prezos da electricidade e reduce a cero a credibilidade dos seus argumentos para o ERTE”, denuncia Presas.
Ante esta situación, o Bloque considera que a Xunta ten que “exercer as súa competencias e deixar de botar balóns fora culpando ao Estado porque ten unha posición de fortaleza a través desas concesións públicas para esixir a Villar Mir o mantemento da produción e do emprego”.
Deslocalización encuberta
“Se quere reducir actividade produtiva e postos de traballo hai que facer valer ese contrato”, recalcou a portavoz de industria ante Francisco Conde. Para a formación nacionalista é clave pechar a deslocalización encuberta deste ERTE, “en Sabón movendo o valor engadido sobre o silicio que extrae en Serrabal para Puertollano e desviando a produción dos fornos de Cee para outras plantas do grupo fora de Galiza”. “Unha deslocalización de manual”, insistiu Presas ante o titular de Industria.
Presas acusou a Conde de practicar o “escapismo” e de agocharse tras un “argumentario partidista”. “Din que están vixiando e esixindo, vixiando que operen máis fornos en Santander mentres en Sabón, Cee e Dumbría botan xente á rúa? Ou están fracasando ou non están esixindo nada porque as súas receitas non funcionan”, salientou Presas, ao tempo que lle reclamaba diálogo cos representantes sindicais.
Reverter as concesións
O Bloque demanda da Xunta que esixa a retirada do ERTE e a posta en funcionamento dos fornos pechados, “e se Ferroatlántica non o fai que se poña enriba da mesa un informe xurídico para dicirlle a empresa que Galiza non acepta chantaxes, nin acepta miseria para unha comarca e para os e as traballadoras afectadas, e se á multinacional non lle valen as condicións buscaremos a quen lle valan pero non imos permitir esta deslocalización encuberta anticipo dun futuro peche”, concluíu Presas.