BNG pide á Xunta do PP que renda contas pola “enxurrada de ilegalidades e irregularidades” na xestión do transporte
Ana Pontón preguntará na sesión de control a Alfonso Rueda polos “incumprimentos sistemáticos” sobre as infraestruturas previstas no Plan Move
Bará reclama explicacións pola factura que a Xunta paga de máis ás empresas concesionarias das autovías galegas, beneficiadas “de maneira escandalosa”
O BNG pedirá ao Goberno do PP no vindeiro pleno que renda contas pola “enxurrada” de informes e sentenzas xudiciais que poñen en cuestión a xestión do transporte público en Galiza. Que máis ten que pasar para que dimita alguén?, cuestionouse hoxe o viceportavoz, Luís Bará, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, onde o PP rexeitou a comparecencia da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Bará fixo alusión ao informe do Consello de Contas “claro e contundente” que, dixo, é unha emenda á totalidade á política da Xunta do PP dende que se aprobou no 2016 a lei de medidas urxentes en materia de transportes. Un informe que pon de manifesto que “non hai política de planificación sobre mobilidade, senón parches e improvisación” e que censura o sistema de contratación mediante UTEs e grandes lotes, que fixo que as concesións se concentrasen nun pequeno grupo de firmas en prexuízo de pequenas e medianas.
Ao este informe súmanse as sete sentenzas do TSXG que anulan concesións á empresa Monbús, que chegou a ser adxudicataria de ata 47 lotes do transporte. Bará criticou, neste sentido, que tanto a Xunta como o Tribunal de Contratación de Galiza fixesen caso omiso das advertencias feitas no seu día polas empresas afectadas, a CIG ou o propio BNG e que finalmente tivese que ser a Xustiza quen resolvese sobre esta cuestión “cando hai unha empresa que leva xa moito tempo beneficiándose”.
Tras rexeitar o PP a comparecencia da conselleira, o BNG presentará unha interpelación que o viceportavoz xustificou ademais na última sentenza do Tribunal Supremo que ratifica unha previa do TSXG obrigando ao Tribunal Galego de Competencia a abrir un expediente sancionador a Monbús e Alsa por poñerse de acordo á hora de concorrer “nunha posición de dominio” aos grandes contratos, que agora se demostra que “estaban cociñados”.
O BNG sustenta as súa interpelación tamén nas dilixencias abertas na vía penal por prevaricación contra o director xeral de Mobilidade da Xunta polos contratos de transporte. “E todo isto é a punta do iceberg, porque aínda están por descubrir todos os amaños e chanchullos cometidas por esta Consellería e este Goberno, baixo sospeita tras este carrusel de irregularidades e ilegalidades”, denunciou o portavoz nacionalista.
Sobre a xestión da Consellería de Infraestruturas versará tamén a pregunta que a portavoz do BNG lle formulará ao presidente da Xunta. Ana Pontón cuestionará a Rueda sobre os “incumprimentos sistemáticos” do Plan Move, aprobado xa no 2010, tanto no que se refire as vías de alta capacidade como circunvalacións. “Máis do 70 % das obras previstas como moi tarde para o 2017 non están rematadas, e desas, unha parte importante nin sequera comezaron, e algunhas ata desapareceron da programación”, denunciou Bará.
Entre as obras “que se volatilizaron”, o viceportavoz do BNG referiuse ao vial entre Sarria e Monforte, o previsto entre A Estrada e Forcarei ou o que uniría o Nó de Curro e Baión. Circunvalacións como a de Carballo, Ribeira, a rolda leste de Lugo ou a variante de Alba en Pontevedra están sen iniciar. E hai retrasos clamorosos tamén en vías de alta capacidade como Baio-Berdoias ou A Estrada-A Ramallosa, “na que despois de 15 anos se van facer 3 quilómetros”, de maneira que “a este paso, se segue gobernando o PP, non estará finalizada ata 2040”.
“Este País non pode agardar pola incompetencia do PP”, advertiu Bará respecto á “lista interminable” de incumprimentos por parte da Xunta, á que tamén criticou pola factura que supón para os galegos a renegociación feita no 2014 dos contratos para a concesión das autovías autonómicas. Según o Consello de Contas, expuxo, a Consellería favoreceu “de maneira escandalosa” os intereses das empresas, ás que se pagou 205 millóns de euros máis sendo Ethel Vázquez directora da Axencia de Infraestruturas.
“O Consello de Contas di que houbo alternativas que non se valoraron e que hai que renegociar ese acordo para que a Xunta aforre 44 millóns de euros”, afirmou Bará, que subliñou que o sistema de contratación público-privada “idea do gran xestor Alberto Núñez Feijóo” fai que os galegos teñan que pagar 1.300 millóns ata o ano 2040.
“Temos un goberno que non goberna, que está desacreditado, que incumpre e comete irregularidades e ilegalidades, que cando lle demos o finiquito vai deixar moito a deber”, concluíu o viceportavoz nacionalista.
Entre as cuestións que o BNG levará ao pleno da próxima semana figura tamén unha proposición non de lei para pedir que o 12 de xaneiro de sexa declarado Día da Morte Digna en Galiza, e outra iniciativa para que a Xunta aprobe unha moratoria no cobro do canon das depuradoras e colectores “que está sableando aos concellos”