BNG pide á Xunta un compromiso oficial coa subrogación do persoal de mantemento das autoestradas que van ser rescatadas
Ramón Fernández advirte que aforrar no mantemento destas infraestruturas, tal e como anunciou Alfonso Rueda, suporía aumentar a inseguridade viaria
O deputado do BNG Ramón Fernández reclamou á Xunta que garanta a subrogación dos traballadores e traballadoras que actualmente traballan no mantemento das catro autoestradas con peaxe de titularidade galega que, segundo o anunciado, van ser recatadas.
Ramón Fernández levou ao Parlamento a preocupación que xeraron as declaracións feitas polo presidente da Xunta sobre os plans de recuperación destas vías de alta capacidade, AG-41 do Salnés, a AG11 do Barbanza, a AG31 de Ourense-Celanova e a AG56 de Santiago-Brión.
O pasado 14 de outubro, o titular da Xunta anunciou o rescate destas autoestradas polos importes pendentes até o ano 2040, un total de 297 millóns de euros, e “literalmente fala do aforro que vai supoñer para a Xunta en peaxes un mantemento”. Unha afirmación, expuxo o deputado, que fixo “saltar as alarmas” entre as máis de sesenta persoas que traballan actualmente no mantemento das vías e coas que, a día de hoxe, non contactou nin a empresa nin o Goberno galego para darlles garantías ou informarlles sobre a situación na que van quedar tras o rescate.
Estes traballadores e traballadores, que si foron recibidos polo Bloque, réxense polo convenio xeral do sector da construción, que no seu artigo 29 recolle o dereito á subrogación das contratas que realicen o mantemento das estradas. “Trátase dun dereito totalmente consolidado no sector, que vén respectándose dun xeito pacífico”, afirmou Ramón Fernández, subliñando de seguido o “elemento importante de preocupación” que supuxeron no cadro de persoal “as declaracións de Rueda no sentido de aforrar en mantemento e a calada por resposta da Xunta á súa solicitude de reunión”.
Ramón Fernández preguntoulle ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, se coñece a Xunta o número e categorías dos postos de traballo vinculados ás autovías que decidiu recuperar e cando ten pensado facer efectiva esa recuperación e, polo tanto, facerse coa xestión destas infraestruturas. Pediu, ademais, que se aclare como se vai xestionar o mantemento e se ten previsto realizar unha licitación para contratar este servizo ou, pola contra, podería ampliar os contratos actualmente vixentes. A última das preguntas foi, directamente, se a Xunta vai subrogar a todo o persoal que actualmente traballa vinculado a estas autoestradas, tal e como reclama o BNG.
Na súa resposta, o director xeral dixo que lle comunicaron ás empresas concesionarias que ‘transmitisen informalmente a vontade de ter un período transitorio no que os e as traballadoras manterían as condicións actuais, para poder ter ese tempo para estudar a subrrogación de cada unha das persoas aos novos contratos de conservación’, ao que o deputado nacionalista respondeu, usando a súa quenda de réplica, cunha clara e breve petición: “Que reciban a representación legal dos traballadores e traballadoras para explicarlle con máis detalle isto que nos acaba de explicar a nós, que supoño que estarán encantados de escoitalo. O que resulta un pouco estraño é que, despois de máis de un mes, aínda non se puxesen en contacto con eles para conceder esta reunión”, rematou.