O BNG pide á Xunta apoio ás seleccións deportivas nacionais e a súa participación en competicións internacionais
O BNG leva ao Parlamento iniciativas para que o Goberno galego fomente as seleccións deportivas nacionais e apoie a súa participación en competicións internacionais, ao tempo que tamén demanda do Executivo de Feixóo apoio para as seleccións nacionais masculina e feminina de fútbol gaélico que están na elite mundial deste deporte.
Neste sentido, e con motivo da participación das seleccións nacionais masculina e feminina nos GAA Word Games, -campionatos do mundo de fútbol gaélico en Waterford e Dublín entre o 28 de xullo e o 1 de agosto-, o BNG amosa todo o seu apoio aos combinados nacionais galegos e deséxalles os mellores éxitos para que sigan sumando logros internacionais.
Cómpre lembrar que esta participación vén precedida dun moi bo resultado no anterior mundial, no que a selección feminina obtivo o primeiro posto mentres que a masculina lograba o subcampionato no europeo de fútbol gaélico de 2018 en Lorient (Bretaña).
Pese a esta brillante traxectoria internacional, as seleccións nacionais de fútbol gaélico non contan co necesario apoio institucional do Goberno da Xunta, o que obriga aos combinados galegos a depender de patrocinios privados, de colaboracións de concellos e dunha campaña de recadación de achegas particulares.
Para rematar con esta situación, o BNG presenta no Parlamento iniciativas para que a Xunta promova as seleccións galegas e apoie economicamente a participación dos combinados nacionais en competicións internacionais.
“Para o BNG as seleccións deportivas galegas son un símbolo da identidade nacional, da cohesión social, da autoestima e da capacidade de Galiza como pobo. A súa proxección e éxito internacional fai que actúen como embaixadoras do noso país e trasladen ao mundo unha imaxe positiva do que somos e do noso inmenso potencial colectivo”, salienta o deputado Luís Bará, promotor das iniciativas no Cámara galega.