BNG pide á Xunta e ao goberno do estado que actúen xa para salvar o sector agrogandeiro
Olalla Rodil: “as produtoras e produtores levan meses vendendo por debaixo dos custos de produción, hai que reverter a situación de emerxencia que están a atravesar”
O BNG apoiou a mobilización da FRUGA, que reclamou a intervención urxente da Administración e unha aposta firme pola soberanía alimentar
O BNG apoiou a mobilización convocada hoxe pola FRUGA, na que reclamaron a intervención urxente das administracións para reverter a situación que está a atravesar o sector agrogandeiro. A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, explicou que “desde o BNG pedimos que, de maneira urxente, os gobernos da Xunta e do Estado actúen porque as explotacións non poden agardar máis”. “A situación é insostible polos baixos prezos en orixe e polo aumento dos custos de produción”, afirmou a deputada. Olalla Rodil acudiu á concentración acompañada polo deputado por cargos orgánicos e institucionais do BNG nas distintas administracións.
Como medida a medio prazo, o BNG reclama “recuperar a nosa soberanía alimentaria e facer que as nosas explotacións sexan menos dependentes da importación”. O BNG defende que estas medidas “evitarán que as gandeiras e as agricultoras, o elo máis feble da cadea, sexan as que acaben pagando os cambios no mercado”.
O sector da carne e do leite levan meses vendendo a perdas, situación á que se uniu agora o aumento dos prezos da luz, dos pensos e do gasoil. “Diante desta situación, o goberno español está de brazos cruzados e a Xunta de Galiza anuncia medidas insuficientes”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “desde o BNG temos claro que precisamos medidas ambiciosas e inmediatas que impidan o feche de explotacións”.
As medidas que defende o BNG pasan pola posta en marcha de xeito urxente dun plan de axudas ao sector primario, que asegure o mantemento das explotacións. Ademais, defenden a baixada temporal de impostos aos carburantes, para reducir os prezos do gasoil e da gasolina. Por último, reclaman a redución ao 4% do IVE da luz e a intervención pública no mercado eléctrico “e nos beneficios caídos do ceo das empresas eléctricas”.