O BNG pide a Xunta que actúe para impedir calquera tipo de fraude na venda de Ferroatlántica
Presas a Conde: “Quítese o traxe de militante do PP que lle debe favores a Villar Mir e poña o da defensa dos intereses deste país”
O BNG considera preocupante que a Xunta siga sen fixar posición sobre a venda de Ferroatlántica despois de que a multinacional que preside Villar Mir anunciase o pasado 4 de xullo a intención de vender os seus activos en Galiza ao fondo de EEUU, TPG Sixth Street Partners.
A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, puxo sobre a mesa as prácticas de “extorsión” da dirección da multinacional no seu anterior intento de venda no que pretendía segregar a explotación hidroeléctrica da industrial, -pese a ser ilegal-, ao que se suma un ERE unicamente para castigar Galiza mentres premiaba fábricas doutros territorios.
E sorprende tamén, indicou a deputada nacionalista que, pese a ter decida a venda, a multinacional manteña o recurso presentado contra a resolución de Augas de Galiza contraria á segregación das centrais, e tamén a operación de escisión da fábrica de Sabón do resto da unidade industrial, que non ten unanimidade no cadro de persoal.
Un contexto que, denunciou, “fai pensar que estamos diante dunha operación de venda fraudulenta, a través dunha axenda oculta que inclúe segregar as ferroaleacións das centrais hidroeléctricas pola porta de atrás, unha manobra de enxeñería financeira pola cal o comprador tería un pacto con Villar Mir para separar a produción de ferroaliaxes da explotación hidroeléctrica”, unha cuestión ilegal que xa conta con dúas sentenzas en contra.
“A segregación oculta sería un pelotazo para o señor Villar Mir e a sentenza da morte para esta industria no país”, salientou a deputada Noa Presas, de aí a demanda do BNG ao Goberno galego para que leve a cabo as actuación necesarias “para impedir calquera venda fraudulenta” que poña en risco as condicións de explotación do saltos hidroeléctricos dos ríos Xallas e Grande, ao tempo que recriminaba ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, a falta de implicación da Xunta nun asunto de tanta transcendencia.
“Asuma que é responsable da planificación industrial deste país e vele polo interese colectivo e non polos seus desexos de librarse de Villar Mir ou de favorecelo”, indicou, tras subliñar que o Goberno do PP “é responsábel das concesións, de deseñar o futuro que queremos para esta industria é, polo tanto, debe ter un papel de acompañamento da parte social e de tutela para garantir que se hai algunha operación non teña sombras escuras”, reclamou.
“O que lle pide hoxe o BNG é que quite o traxe de militante do PP que lle debe favores ao señor Villar Mir e poña o traxe de defensa do país”, concluíu.