O BNG pide usar as aulas baleiras da Laboral en Culleredo para dar garantías sanitarias e facilitar a conciliación ás familias
Mercedes Queixas leva ao Parlamento unha batería de medidas sobre ás deficiencias no inicio do curso escolar nun dos concellos máis dinámicos da comarca
Propón completar a oferta educativa no CEIP de Tarrio, recuperar aulas de infantil no Sofía Casanova e igualdade de trato no servizo de comedor
A deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, rexistrou no Parlamento unha batería de iniciativas con propostas para corrixir as deficiencias crónicas que arrastra Culleredo, como consecuencia dun mapa escolar que non se axusta á realidade dun concello que figura entre os máis dinámicos da comarca da Coruña en termos de medre de poboación. Unhas deficiencias que se agravan cos “bandazos e improvisacións” da Xunta en relación ao inicio do curso escolar nun contexto COVID19, alega a parlamentaria.
Entre as medidas “que lle complican a vida ás familias”, explica Queixas, “a improvisada proposta de mudar a docencia en centros de secundaria e bacharelato para as quendas de tarde, sen previa información nin consulta ás familias”, o que afecta de cheo á programación familiar e laboral e anula os proxectos formativos complementarios e de ocio do propio alumnado pois, por exemplo, condiciona e mesmo impide á asistencia ao conservatorio e escola municipal de música, escola de idiomas, actividades deportivas ou culturais.
“Se conciliar é sempre difícil en tempos COVID19 estase a converter en misión imposible, sobre todo cando o que vemos é que se propón quendas en horario de tarde en secundaria ou non facilitar o servizo de comedor escolar”, salienta Queixas. Ante esta situación, o BNG leva ao Parlamento unha alternativa: que se habiliten as aulas baleiras na Universidade Laboral para impartir clases en horario de mañá sen condicionar a xornada laboral habitual dos pais e nais e, ao mesmo tempo, dando garantías sanitarias porque se reduciría a ratio por aula.
“Esta alternativa facilita a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e das nais e ao mesmo tempo tamén da garantías sanitarias porque usando esas aulas que agora están desocupadas pódese gardar a necesaria distancia de seguridade entre o alumnado sen necesidade de colocar unhas mamparas, que están sendo cuestionadas desde o punto de vista sanitario para un espazo pechado como é unha aula”, explica Queixas, “é unha proposta concreta, viable, coherente e necesaria que facilita a conciliación e ao mesmo tempo impartir clase con garantías sanitarias”.
Pero os problemas derivados da COVID19 non son os únicos que ten Culleredo en materia educativa. Así, as aulas e os centros do concello seguen a estar masificados nun municipio que gana poboación, no CEIP Sofía Casanova Educación suprimiu unha aula de 4º de educación infantil por ter matriculadas 24 crianzas fronte ás 25 que a lexislación marca como máximo, coa consecuente perda dun docente de apoio para esa etapa. Unha situación similar a do CEIP Isaac Díaz Pardo a comezos do curso pasado.
“Péchase unha unidade completa nestas circunstancias, cando é sabida a progresiva incorporación do alumnado ao longo do curso, ao tempo que se ignoran as recomendacións sanitarias fronte a COVID-19 de redución de ratios en espazos pechados con presenza de tempo continuado”, alega Queixas.
Culleredo, ademais de integrar unha zona de elevada concentración urbanística e demográfica, -O Burgo, Fonteculler, Acea de Ama e Vilaboa-, tamén conta cun centro no medio rural, o CEIP de Tarrío. “Completar a oferta educativa na ESO neste centro facilitaría que este alumnado non tivese que percorrer longas distancias en autobús a diario e axudaría a equilibrar todo o mapa escolar do concello, tal e como se recolle desde a iniciativa Somos Rural”, explica a deputada.
Actualizar o mapa escolar de Culleredo
Igualmente, -destaca Queixas-, o CEIP Vila de Rutis ofrece un comedor xestionado pola ANPA e con elevado recoñecemento pola súa calidade fronte aos xestionados pola Xunta, “pero este exemplo de boa xestión está a ser penalizado pola consellería ao provocar un agravio comparativo de financiamento a respecto dos colexios con comedor xestionado directamente por Educación”.
Neste contexto, o BNG presenta unha batería de iniciativas no Parlamento e demanda á Xunta actualizar o mapa escolar do concello de Culleredo e adecualo á realidade poboacional, territorial e educativa actual para garantir o equilibrio na oferta de prazas do ensino público, en especial nesta situación derivada da pandemia. Esa adecuación do mapa escolar debe incluír a reposición das aulas suprimidas en infantil, co profesorado que lles corresponde; facilitar o equilibrio de matrículas entre os centros, axudas de financiamento dos custos de comedor ás familias en condicións de igualdade entre os centros independentemente de quen xestione o servizo.