BNG pide o traslado das instalacións da Xunta en A Xunqueira de Alba ao parque empresarial de Fraga Moreira, no concello de Poio, co fin de recuperar este espazo Natural de Interese Local

Luís Bará parque empresarial de Fraga Moreira en Poio
Luís Bará parque empresarial de Fraga Moreira en Poio
Luís Bará lamentou que o Partido popular votara en contra da iniciativa nacionalista impedindo liberar os terreos para crear unha zona verde arborada e con potenciais usos recreativos e acusou á Xunta de “okupa”

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará lamentou que o Partido popular rexeitara a iniciativa nacionalista que reclamaba  o traslado das instalacións da Xunta en A Xunqueira  de Alba, no concello de Pontevedra, ao parque empresarial de Fraga Moreira, no concello de Poio, co fin de recuperar este espazo Natural de Interese Local e convertelo nunha zona verde arborada e con potenciais usos recreativos.

Na defensa da iniciativa, Bará lembrou que a licenza  xa está concedida e no ano 22 debe procederse á demolición das instalacións e recuperación dos terreos, todo isto, dixo, “está en marcha e conta cos orzamentos” e debe ser unha realidade porque “está aprobado e publicado”, aínda que “ao Partido popular non lle guste”.

A Xunta, explicou o nacionalista, instalou dúas edificacións en dúas parcelas, unha da Axencia Galega de Infraestruturas con varias edificacións e outra de Medio Ambiente utilizada na actualidade por Medio Rural para labores contra os incendios e criticou a ocupación de  miles de metros cadrados dun espazo natural que xa debería estar recuperado.

Tras a intervención do portavoz popular, José Manuel Balseiro Orol, o deputado do BNG replicou que o problema no é que a Xunta hipocritamente declare que non está en contra do traslado, o verdadeiro problema, remarcou, é “o seu desleixo” para xestionalo como está a facer a Deputación provincial.

A respecto do goberno do Estado, Bará respondeu ao portavoz popular que “o BNG conta cun deputado no Congreso que xa presentou emendas sobre este tema” a incluír nos orzamentos solicitando “cinco millóns de euros” para recuperar a franxa marítimo costeira de Pontevedra, e concretamente para este espazo.

O deputado do BNG tamén  animou  ao portavoz popular a presentar iniciativas, a través dos deputados e deputadas galegos do PP no Congreso para reclamar ao goberno do Estado a recuperación destes espazos, porque alí non están só “para aplaudir”.

A Xunta actúa como “okupa” de terreos e non cumpre a lei

O Plan aprobado pola Xunta inclúe o traslado das instalacións e a recuperación dos terreos e  a Xunta, reiterou Bará, “debe cumprir co Plan e coa Lei de Costas” e deixar de actuar “como okupas”.

Bará insistiu na obriga da Xunta de cumprir as normas e nesa liña volveu a propoñer “que os equipamentos sexan trasladados a un polígono previsto no radio de cinco ou dez quilómetros de Pontevedra, ao polígono de Fraga Moreira, no concello de Poio” con 350.000 metros cadrados, conta coa aprobación do Plan especial dende o ano 2012 e precisa do impulso por parte da Xunta de Galiza que, por outra parte, xa investiu  dous millóns de euros, expropiou parte dos terreos e representa unha “grande oportunidade” para impulsar un polígono ben comunicado coas grandes infraestruturas de comunicación e o ámbito urbano de Pontevedra.

Pontevedra non paga a traidores

Tras o rexeitamento do PP á iniciativa defendida polo deputado, Luís Bará, o nacionalista avanzou que esta forza política continuará presentando iniciativas para defender no Parlamento galego e no Congreso en Madrid os intereses de Pontevedra e a recuperación destes espazos e volveu a lamentar que o PP “non o faga” porque aposta polo “abandono, desleixo, e  desprezo a Pontevedra” e Pontevedra, recalcou “non paga a traidores”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG