BNG pide transparencia ao SERGAS sobre os recursos humanos no traslado e desdobramento do Centro de Saúde da Milagrosa
Carme Aira criticou que a falta de información nos criterios de escolla para elixir destino colocan ao persoal na incerteza de non saber en que lugar desenvolverán a súa actividade laboral
O conselleiro de sanidade eludiu responder ás preguntas da nacionalista relativas ao traslado do servizo do 061 e PAC de Lugo, equipos do Centro de Saúde da Milagrosa no seu traslado ao completo e durante a reforma, centros de atención para doentes de radioloxía e laboratorios, así como a dotación de persoal para actuar como centro de alta resolución
A parlamentaria do BNG, Carme Aira formulou unha pregunta ao conselleiro de sanidade ante a falta de transparencia do SERGAS sobre a planificación de recursos humanos para o traslado e desdobramento do Centro de Saúde da Milagrosa, unha falta de información, dixo, que está a provocar unha grande incerteza ao persoal ao descoñecer os criterios de escolla para elixir en que lugar quedarán definitivamente para desenvolver a súa actividade.
A deputada sinalou que no primeiro trimestre do ano 23, o Centro de Saúde da Milagrosa trasladarase ao renovado Materno-Infantil para comezar obras no actual edificio durante un período de 28 meses pero a día de hoxe, tanto o persoal como os e as pacientes descoñecen como será ese traslado e en que condicións.
E obvio, dixo a deputada, que todos estes cambios afectan ao persoal e persoas usuarias ao que sumou a “falta de transparencias” nos traballos, prazos e condicións laborais sobre a carteira de servizos sanitarios que se ofertarán en 28 meses “é moito tempo de incertidume”, recalcou.
Por outra banda, a nacionalista tamén criticou que os e as profesionais “nin coñecen nin participaron no deseño dos espazos”. A falta de información sobre os criterios de escolla para elixir destino deberían estar resoltos e que as persoas que se vaian quedar nun sitio ou noutro poidan sabelo xa, información que tamén merecen os usuarios e usuarias. Na súa opinión, “urxe saber si a atención sanitaria se prestará de maneira simultaneamente coas obras”.
Outra das eivas para o persoal é a referida a como se van xestionar os equipos médica-enfermeira no caso de que no seu momento exerzan opcións que os rompan e como afectará isto aos doentes, como casa unha quenda deslizante con unha fixa cando coinciden no mesmo equipo e como afecta as e ós usuarios.
Tampouco a poboación e os profesionais saben onde van quedar as prestacións farmacéuticas, pediátricas, odontolóxicas, traballo social, fisioterapia ou as de
enfermería obstétrico-xinecolóxicas, se van ter espazo no centro e cando irán a el, ou ben se vai ser un persoal que preste servizos deslocalizados como se está a facer na actualidade.
O titular de sanidade elude responder ás preguntas do BNG
Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña eludiu responder ás cuestións formuladas pola deputada do BNG obrigando a parlamentaria a repreguntar cando serán trasladados a esa edificación o servizo do 061 e o PAC de Lugo, con que espazos contará o Centro de Saúde da Milagrosa cando sexa trasladado ao completo. Convivirán os equipos coa reforma? En que centros serán atendidos os pacientes de radioloxía e laboratorios e con que dotación de persoal para actuar como centro de alta resolución, que doentes de Atención primaria serán atendidos nestes laboratorios e en que centros? En que consistirá esa alta resolución?
Todas estas preguntas, remarcou obedecen á falta de información aos mandos intermedios e “nula” para o persoal e poboación. Carme Aira lembrou ao titular de sanidade que o Comité de Primaria, representante lexítimo do persoal, solicitou por escrito información sobre as cuestións como as recollidas na pregunta parlamentaria e polo momento, non obtivo ningunha resposta.
“Corrixan a mecánica de non ofrecer información e fagan aos profesionais e cidadanía participes das melloras nas instalacións de Atención Primaria”. Non deixen aos traballadores e traballadoras “fóra da toma de decisións” porque eles e elas, dixo, son os verdadeiros protagonistas de que as instalacións ofrezan a mellor calidade asistencial.