O BNG pide unha tarifa eléctrica propia para reducir o recibo da luz en Galiza

Defenderá no Parlamento galego unha proposta que inclúe impulsar as enerxías renovables e eliminar a penalización na factura da luz

As deputadas do BNG no Parlamento galego e Congreso dos deputad@s, Carme Adán e Rosana Pérez compareceron hoxe, en sede parlamentar ante os medios de comunicación para presentar unha iniciativa destinada a eliminar a penalización na factura da luz, impulsar as enerxías renovables e establecer unha “tarifa eléctrica galega” cunha redución entre o 15% e 20% do recibo da luz.

 O BNG rexeita “enerxicamente” o Anteproxecto de lei do Sector Eléctrico

 

Na súa intervención, Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso lembrou que esta forza política xa rexeitou, no seu momento, o Real Decreto que discriminaba “negativamente” a Galiza, marco eléctrico que agora será reforzado coa publicación do Anteproxecto de lei do Sector Eléctrico, o BNG, dixo, oporase no Congreso a reforma enerxética porque “supón a estocada final” para os consumidores, industrias e pequenas e medianas empresas ademais de “arrebatar competencias ás Comunidades Autónomas” penalizando os tributos propios.

Pérez engadiu que “Galiza mantén a factura da luz máis cara de Europa” recibo que no mes de agosto aumentará un 3,5% para que o Goberno central recade 900 millóns de euros.

Rosana Pérez tamén denunciou que mentres se están aplicar medidas contra o sector eólico galego o Goberno central incentiva este sector en Canarias e Baleares.

Galiza excedentaria de produción eléctrica e  coa tarifa máis cara do Estado

A portavoz de industria do BNG, Carme Adán afirmou que sendo Galiza excendentaria e producindo entre un 30 e 40 por cento máis do que consume, “os galegos e galegas pagaremos máis polo recibo da luz” facendo fronte a unha tarifa máis cara que noutras comunidades como Madrid.

Adán salientou o “duro golpe” que supón para o sector industrial o incremento do prezo da enerxía ao que hai que sumar, dixo, a supresión das primas ás enerxías renovables, “esta reforma, sentenciou, vai contra as familias e as industrias e resulta dobremente discriminatoria para Galiza”.

A parlamentaria concluíu a súa intervención anunciando a intención do BNG de negociar co resto dos grupos parlamentarios na Cámara galega a proposta nacionalista que entre outras medidas reclama “un prezo sensiblemente inferior do consumo eléctrico en Galiza”.