BNG pide suspender a autorización da mina de San Finx porque carece de avaliación ambiental e os vertidos impactarán moi negativamente na ría de Muros-Noia
Rosana Pérez lembrou que dende o ano 2009 a mina incumpre a normativa e exixe á Xunta un compromiso co medio ambiente e eixar de “mirar para outro lado” para favorecer ás empresas mineiras
A deputada lamentou o voto en contra do Partido popular que cualificou de “novo desprezo” ás demandas da veciñanza e concellos de Noia, Outes e Porto do Son
A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez reclamou “paralizar a autorización” á mina de San Finx porque carece de avaliación ambiental e os vertidos impactarán gravemente sobre a ría de Muros-Noia.
A parlamentaria lembrou que a mina incumpre a normativa dende o ano 2009 e agora a Empresa Tungsten San Finx vén de solicitar a autorización para o vertido ao río Pesqueira de augas residuais industriais depuradas procedente da explotación mineira de estaño e wolframio de San Finx e tamén o proxecto para a adecuación do cauce para a retirada dos sedimentos acumulados no dominio público hidráulico na contorna das presas.
Os veciños e veciñas da comarca de Muros e Noia, as Corporación Municipais de Noia, Outes e Porto do Son e as confrarías da ría posicionaronse contra a autorización que está a tramitar a Xunta e as consecuencias de 12 anos de irregularidades por parte da mina.
A 7 Km da mina, explicou a deputada, está a ría de Muros e Noia, unha ría riquísima, que dá de comer a miles de persoas de xeito directo e indirecto e que non se pode permitir colgar o cartel de “pechada por defunción” que pende sobre ela por mor dunha actividade mineira. Para a nacionalista, a “Xunta permitiu, e permite”, negando unha e outra vez os seus impactos non se sabe en base a que intereses, e mesmo sendo cómplice e facilitadora dunha situación que os propios informes técnicos de Augas de Galiza poñen en cuestión.
A conivencia da Xunta de Galiza coa empresa que xestiona San Finx é “clamorosa”, dende 2009, ano no que a empresa retomou a súa actividade mineira “sen un proxecto de avaliación ambiental e sen exposición pública”. Por certo, lembrou a deputada, “actuacións que acabaron no xulgado e que levaron ao daquela director xeral de minas a ser investigado e, evidentemente, a deixar de ocupar ese cargo” e a pesar disto, a Xunta de Galiza subvencionou, entre os anos 2009 e 2013 con máis de 2 millóns de euros e o IGAPE con 800.000 euros. No 2013, a empresa declarábase en concurso de acredores e non abonou a nómina aos seus traballadores, durante seis meses.
Máis tarde, secuenciou a deputada, para seguir tapando unha autorización do 2009 sen avaliación ambiental, quixeron que asumiramos que as presas de residuos mineiros, abandonadas e colmatadas eran, segundo un informe que da Xunta, “presas hidroeléctricas” vinculadas a muíños. Unha historia que mantiveron durante 10 anos até que un informe de Augas de Galiza de 2019 corroborou que “as presas, a súa xestión e a súa explotación eran realizadas pola empresa mineira”.
Neste sentido, Rosan Pérez reiterou que “aquela mentira” mantida tantos anos, coa Xunta mirando para outro lado, tivo e continúa a ter consecuencias no territorio a pesar dos informes técnicos e científicos como os publicados pola Universidade de Oviedo que constatan a presenza de minerais radioactivos, ou o da Universidade de Vigo que evidencia a contaminación da ría por metais pesados vinculada á actividade mineira de San Finx.
A deputada afirmou que a solicitude de vertidos “é unha verdadeira ameaza” e a mina “non pode reabrise sen a avaliación ambiental”.
Reclamamos que se cumpra estritamente a lei e que se lle requira a Tungsten San Finx a presentación dun novo proxecto de explotación e o respectivo estudo de impacto ambiental así como o sometemento a unha tramitación rigorosa de avaliación ambiental.
A moción defendida pola deputada do BNG, Rosan Pérez foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.