O BNG pide que se supriman as Deputacións e se transfiran os seus recursos ás entidades locais

Ana Pontón asegura que se manteñen para fortalecer ao Partido popular

e as redes clientelares.

A nacionalista cualificou hoxe de “anomalía” a comparecencia do Presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo no tramite de presentación dos orzamentos do 2013, ao non chegar en tempo aos grupos parlamentarios a documentación e seren substituída polos orzamentos do ano 2012.

A deputada explicou que o Grupo parlamentar do BNG “non recibiu” os orzamentos 2013 polo que dedicou a súa intervención a denunciar o que considerou un “problema de fondo” centrado no papel das propias deputacións provinciais.

O BNG pide que se supriman as Deputacións provinciais e sexan transferidos os seus medios e funcións á Xunta  e entidades locais

Neste sentido, lembrou a posición do BNG sobre estas institucións das que dixo son “obsoletas, intermediarias e non cumpren co papel encomendado” porque en realidade, “ mantéñense para fortalecer ao Partido popular, as baronías e as redes caciquís”, obxectivos, engadiu, que nada teñen que ver coa “eficacia para que os fondos públicos revertan na sociedade”.

Pontón pediu “valentía” ao Partido popular para recoñecer “o fracaso deste modelo institucional” e apostar por darlle valor ao funcionamento da administración local polo que pediu, unha vez máis, “a supresión” das deputacións.

Neste sentido, explicou que de seren eliminadas “non tería ningún impacto negativo” moi o contrario, dixo, os concellos terían máis fondos públicos para xestionar adecuadamente.

Fusionar concellos reforzará ás Deputacións

Por outra parte tamén criticou os pactos a nivel de Estado que, na súa opinión, “socavan a capacidade de Galiza” para articular a súa organización local e que terán como primeira consecuencia fortalecer o papel das deputacións, esta iniciativa só se entende baixo unha “dinámica recentralizadora”, afirmou.

Para a parlamentaria nacionalista, os orzamentos do 2012 e 13 responden a unha “lóxica letal” para a maioría da sociedade, a unha lóxica de austeridade que deixará desamparadas a miles de persoas.

Por outra parte, asegurou que as contas para o 2013 agudizarán a crise económica ante a falta de investimento público, “teñen vostedes unha previsión de investimento con cifras por debaixo do 2004”.

Pontón criticou o Plan de emprego anunciado no 2012 pola Deputación da Coruña por ser “un plan de propaganda” que non mudou a evolución das cifras do desemprego e denunciou o aumento en “700.000 euros para gastos de cobertura propagandística”.

 

Máis servizos públicos para a poboación envellecida, creación de emprego, novas tecnoloxías, cultura e deporte

Ao igual que fixera a deputada, Ana Pontón, o deputado Cosme Pombo, defendeu a supresións das deputacións provinciais no transcurso da comparecencia do Presidente da institución de Lugo, José R. Gómez Besteiro porque, ao seu xuízo, non responden “aos intereses das estruturas territoriais dun modelo para Galiza”.

Estas institucións, engadiu, resultan “anacrónicas e innecesarias para os intereses da cidadanía galega” e o primeiro paso trala súa eliminación sería transferir os seus recursos, medios e funcións á propia Xunta e concellos e entidades comarcais pertinentes, “xusto o contrario do que pretende facer o Partido popular coa Reforma da lei de Bases de Réxime Local”.

Sen embargo, o deputado tamén afirmou que mentres existan as deputacións, o “BNG participará nelas para velar polo seu funcionamento e poñelas ao servizo dos galegos e galegas” en lugar de tutelar politicamente á institución política de cada provincia, “cando falo dos apelidos Cacharro ou Baltar todos me entenden”, dixo.

Sobre os orzamentos para o 2013, o parlamentario considerou que debe enfocarse o esforzo a rebaixar o desemprego na provincia, loitar contra a despoboación nos concellos e fortalecer a actividade cultural nos núcleos urbanos e medio rural.

Pombo rematou a súa intervención reclamando maior financiamento para as escolas deportivas,crear postos de traballo, cubrir as necesidades de servizos sociais e benestar da poboación envellecida, (por cada menor de 16 anos hai 3 maiores de 65), investir na loita contra o despoboamento e destinar máis fundos para novas tecnoloxías, cultura e deporte.